martes. 05.08.2025

A Deputación de Ourense ofrece axudas de 592 euros a emprendedoras menores de 35 anos

O novo programa EmprendedoraOU busca dar visibilidade aos proxectos liderados por mulleres e crear unha rede de apoio ao emprendemento feminino na provincia
A Deputación de Ourense ofrece axudas de 592 euros a emprendedoras menores de 35 anos

A Deputación de Ourense pon en marcha un novo programa de apoio ao emprendemento feminino cunha axuda económica directa de 592 euros —o equivalente ao 50 % do salario mínimo interprofesional— para mulleres menores de 35 anos que creasen unha empresa nos últimos tres anos.

A iniciativa, denominada EmprendedoraOU, abre mañá, mércores 6 de agosto, o prazo de solicitudes e mantense activo ata o 15 de outubro ou ata que se esgote o crédito dispoñible. O obxectivo principal é contribuír á visibilidade e consolidación dos proxectos empresariais impulsados por mulleres, especialmente no medio rural, e fomentar o asociacionismo e as redes de colaboración entre emprendedoras.

As solicitantes deben estar empadroadas nalgún municipio de Ourense, ter entre 16 e 35 anos, e ter iniciado unha actividade empresarial ou profesional por conta propia con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2023. Ademais, deben contar cunha antigüidade mínima de seis meses no réxime correspondente da Seguridade Social ou nunha mutualidade profesional, e ter establecido o seu centro de traballo na provincia.

Tamén se inclúen como beneficiarias aquelas que exerzan a súa actividade a través de sociedades civís, comunidades de bens, cooperativas ou entidades de economía social, sempre que cumpran os requisitos e soliciten a axuda a título individual.

Cara a unha rede de emprendedoras

A intención da Deputación é manter o programa con carácter plurianual, engadindo un ano máis ao límite de idade en cada convocatoria e favorecendo así a creación dunha rede provincial de emprendedoras que, cada mes de outubro, desenvolvan accións conxuntas para fortalecer o tecido empresarial feminino.

En outubro están previstas diversas actividades de visibilización, entre elas un foro de emprendedoras que destacará aquelas iniciativas cun especial impacto social no territorio.

As interesadas poden consultar as bases completas e cubrir a solicitude na web oficial do programa: www.emprendedoraou.com. A presentación das solicitudes realizarase a través de rexistro electrónico. Para máis información, a Deputación habilitou tamén o teléfono de atención 988 317 863.
 

A Deputación de Ourense ofrece axudas de 592 euros a emprendedoras menores de 35 anos