Hai historias que precisan volver ao lugar no que aconteceron para pechar dalgún xeito o círculo. Este 23 de agosto, o Souto da Vella de San Vicente de Leira, en Vilamartín de Valdeorras, converteuse no escenario elixido por Christian Barrio Fernández para presentar «Os irmaus do Cantón. San Vicente de Leira en la Guerra Civil, unha historia olvidada para un pueblo olvidado».
Non era un lugar calquera. Alí, entre veciños, lembranzas e nomes que forman parte da memoria da aldea, o escritor e investigador puxo voz a unha historia que nace da súa propia familia, pero que acaba transcendendo o ámbito persoal para falar tamén de San Vicente de Leira, de Valdeorras e dunha época que deixou profundas cicatrices en toda Galicia.
Os protagonistas son Domingo Fernández Vega, bisavó do autor, e o seu irmán Juan Fernández Vega. As súas vidas serven como fío condutor para achegarse ás consecuencias da Guerra Civil desde unha perspectiva próxima, a das pequenas aldeas e a das familias que viviron aqueles anos lonxe dos grandes escenarios nos que habitualmente se escribe a Historia.
A presentación deu paso tamén á conversa e ao intercambio cos asistentes, convertendo o encontro nun exercicio de memoria compartida. Porque detrás da investigación documental aparecen persoas, casas, familias e vivencias que aínda permanecen no recordo de San Vicente.
A historia dunha familia para contar a dun territorio
«Os irmaus do Cantón» é unha parte da historia de Barrio Fernández e dos seus antepasados. Antes de chegar ás figuras de Domingo e Juan, o autor reconstrúe a evolución social e económica da aldea de San Vicente de Leira durante os séculos XIX e XX, proporcionando el contexto necesario para comprender o mundo no que viviron os dous irmáns.
O libro supón ademais o peche dun ciclo de investigación moi ligado ás raíces familiares do autor. Comezou en 2022 con «José Barrio, el último guardia de la mina de Valborraz», dedicado á historia do seu avó paterno e ao pasado mineiro do volframio, e continuou con «Manuela. Historia de una huida hacia los montes de Casaio».
Tres libros, tres historias familiares e tamén tres maneiras de recuperar episodios da historia de Valdeorras a través das persoas que os viviron.
E quizais por iso a presentación deste terceiro volume tiña especial sentido en San Vicente de Leira. A historia dos «irmaus do Cantón» regresaba á aldea da que partiu, non só para quedar escrita nun libro, senón para ser contada e compartida no mesmo lugar no que aínda permanecen as súas raíces.


