Na semana do Xoves de Lardeiro e do Xoves de Compadres, cando o Entroido comeza a latexar con máis forza, Radio Valdeorras Onda Cero afondou no significado máis fondo desta celebración ancestral da man de Jorge Minas, un dos grandes coñecedores e defensores do Entrudio tradicional do Oriente Ourensán. Unha conversa que serviu para explicar non só que é o Entroido —ou entrudio—, senón como se vive, se transmite e se sente desde dentro.
Sobre o propio nome da festa, Minas aclarou que as diferentes denominacións responden á diversidade lingüística da zona: «En Viana podemos dicir Entrudio, porque é unha cuestión de dialecto; hai xente que di entrudio con u, outros con i, e outros din Entroiro, pero falamos do mesmo, só cambia a forma de verbalizalo segundo a zona».
Para Jorge Minas, o Entrudio é moito máis ca unha festa, «É a festividade máis importante que temos a nivel tradicional e a nivel de sentimento». Un tempo que se vive «desde o corazón», no que o fulión e os seus sons forman parte dunha experiencia colectiva que conecta ás persoas coa súa terra e coa súa historia. «Hai que ir a vivilo e sentilo en primeira persoa, ir ás aldeas, a Viana, a Vilariño, a Manzaneda… porque aquí é onde nace».
Un dos elementos centrais deste Entroido é o fulión, unha expresión musical e ritual na que participan mozos e mozas de todas as idades. «Ti ves a un mozo tocando o fulión e ves que non está tocando por tocar, está sentíndoo», explicou Minas. Tanto é así que mesmo os nenos e nenas viven esta tradición como algo natural: «Durante o Entroido non saen ao patio a xogar ao fútbol, saen a tocar o fulión».
O entrevistado detívose tamén na transmisión xeracional, unha das claves para que esta tradición siga viva: «Cando un pai viste ao seu fillo de boteiro, iso é algo que hai que vivir. Non é poñer un traxe, é transmitir amor, identidade e herdanza cultural». Un legado que, segundo subliñou, se mantén grazas ao respecto pola tradición e ao compromiso da xente nova.
Durante a conversa, Jorge Minas explicou con detalle as diferenzas entre fulión, foliada, permiso e comparsa, conceptos que adoitan confundirse desde fóra. O primeiro paso, destacou, é sempre o permiso: «O permiso é o respecto. Se queres ir a tocar ou facer unha ronda a unha aldea, hai que pedir permiso á aldea que visitas para representar a túa tradición».
No caso da comparsa, Minas foi claro: «A comparsa é como unha obra teatral». Trátase dunha representación estruturada, con personaxes definidos —como a señorita, o paiaso, figurantes e dous personaxes principais vestidos con esquilas, o que hoxe coñecemos como boteiros—, música e un guión satírico. «Primeiro faise unha ronda pola aldea, pídese permiso, e logo represéntase nunha aira, nun prado ou nun espazo que o pobo autoriza».
A comparsa inclúe tamén os brindis, nos que o director interactúa co público para recadar donativos: «É unha parte autónoma, cos cartos que se recadan invístese no ano seguinte en traxes e en poder volver representar». Despois chegan as disputas, versos rimados nos que se fai sátira de acontecementos locais, nacionais ou internacionais, sempre cun ton crítico e humorístico. A xornada remata cun baile e unha comida comunitaria entre os participantes.
Minas lembrou que a comparsa actual é froito dun traballo de recuperación: «Fixemos un traballo de campo, falando aldea por aldea de como era a comparsa antigamente». Grazas a ese esforzo colectivo, a comparsa volveu representarse en 2019, devolvendo á vida unha tradición que formaba parte da memoria popular.
O Entrudio complétase cos diferentes fulións e máscaras, únicas en cada aldea, que marcan ritmos, sons e identidades propias. «Cada aldea ten o seu ritmo de fulión e a súa máscara, iso é o que nos identifica», explicou, destacando a riqueza e diversidade existente no concello de Viana do Bolo e na súa contorna.
As comparsas poderán verse este ano en distintas aldeas durante os sábados de Entroido, como San Mamede, Prado Cabalos, Quintela de Edroso e Pinza, unha oportunidade única para achegarse a unha tradición viva.
Jorge Minas quixo lanzar tamén unha mensaxe clara a quen se achega desde fóra: «Queremos que a xente veña, pero que veña con respecto e a vivilo». Porque, como concluíu, «se queres entender realmente o Entroido, onde naceu e onde se sente, hai que vir aquí, convivir coa xente e sentilo por dentro».
Un Entrudio que non se explica só con palabras, senón que se transmite co corpo, co son dos bombos, co latexo da terra e cunha identidade colectiva que segue máis viva ca nunca no rural ourensán.



