Quiroga consolida o seu calendario festivo e cultural como motor económico e social

O alcalde, José Luís Ribera, fai balance dun ano marcado polo éxito do Mercado de Nadal, a renovación da Mostra do Aceite, a forza da Feira do Viño e unha aposta clara pola cultura, o turismo e os servizos á cidadanía

O Concello de Quiroga pecha o ano cun balance claramente positivo no eido cultural, festivo e turístico. Así o destacou o seu alcalde, José Luís Ribera, nunha entrevista na que fixo un amplo repaso polas principais actividades desenvolvidas ao longo dos últimos meses, poñendo o foco no impacto económico e social que teñen para o municipio.

Un dos eventos máis recentes foi o Mercado de Nadal, celebrado esta fin de semana, que consolida a súa traxectoria tras apenas dous anos de vida. «Este ano contamos con 16 expositores de artesanía, fronte aos 12 do ano pasado, e mesmo quedou xente fóra por falta de espazo», explicou o rexedor, quen xa avanza que «de cara ao ano que vén teremos que pensar nunha carpa máis grande».

O mercado completouse cun amplo programa de actividades, con teatro, obradoiros e xogos para a rapazada, converténdose nun punto de encontro para veciñanza e visitantes. Ribera puxo especial énfase na presenza de artesáns locais, como os produtores vinculados á oliveira: «Para nós é moi importante que se vexa o que se fai en Quiroga e que sirva tamén como modelo de negocio».

Falando precisamente de oliveiras, o alcalde destacou o cambio “significativo” na Mostra do Aceite, que este ano se trasladou ao centro da vila. «Decidimos facela en Quiroga, sen perder a esencia tradicional, e foi todo un acerto», sinalou. A mostra desenvolveuse durante dous días, cun congreso especializado no auditorio, casetas de venda e transporte organizado para visitar o muíño tradicional. «Os colleiteiros quedaron moi contentos co novo formato», afirmou.

A próxima edición xa ten datas: 14 e 15 de marzo, un adianto no calendario que busca evitar coincidencias con outras feiras. «En marzo funciona mellor ca en maio, non se xunta todo e facilita a organización», indicou Ribera, convencido de que «imos superar as expectativas, polo que xa se comenta nas redes».

Outra das citas clave é a Feira do Viño, que este ano contou cun pregoeiro de excepción e conseguiu encher a rúa Real. «Intentamos traer persoas que teñan tirón, porque todo isto é un pulo económico importante para Quiroga e para toda a comarca», apuntou o alcalde, agradecendo tamén a colaboración desinteresada dos convidados. A feira celebrarase, como é habitual, en Semana Santa, os días 3 e 4 de abril.

No ámbito deportivo, Ribera destacou o impacto do Quiroga Trail Challenge, unha proba que reúne milleiros de corredores e acompañantes. «Estamos falando de máis de 2.000 corredores e das súas familias, iso move moita economía», explicou, lembrando que o Concello colabora activamente coa organización.

O turismo cultural tamén medra, con cifras récord nos museos locais, que superarán este ano as 7.000 visitas, e cunha aposta firme pola posta en valor do patrimonio. Entre os proxectos máis ambiciosos está a rehabilitación do entorno do túnel romano de Montefurado, cun investimento superior ao millón de euros. «O centro de interpretación podería comezar a executarse ao longo de 2026», avanzou Ribera, quen ve nesta actuación «un recurso clave para toda a comarca e tamén para o Camiño de Inverno».

A cultura ocupa igualmente un lugar central na acción municipal, con iniciativas como a ruta literaria, que homenaxea autores vencellados a Quiroga, ou programas de recuperación da memoria popular como Tecendo Memoria. «A resposta da xente está sendo moi boa, con moita participación en todas as actividades», destacou.

No plano social, o alcalde puxo en valor servizos como a Atención Temperá, dirixida a nenos e nenas de ata seis anos, ou a canle municipal de WhatsApp para avisos á cidadanía, que mellora a comunicación directa cos veciños. «Todo o que sexa mellorar a vida das persoas hai que intentalo», asegurou.

Con festas, feiras, deporte, cultura e investimentos estratéxicos, Quiroga avanza nun modelo de concello vivo e activo durante todo o ano. «Con manter o que temos e seguir mellorando servizos básicos como a auga, xa sería unha lexislatura espléndida», resumiu José Luis Ribera, quen pechou a entrevista cunha mensaxe de agradecemento e bos desexos: «Felices festas e que o ano que vén sexa mellor para todos».