sábado. 19.07.2025

Uxío Novoneyra xa forma parte da ruta «Quiroga, territorio literario»

José Luís Rivera, alcalde de Quiroga: «É un día moi importante para Quiroga. O concello homenaxea a Uxío Novoneyra cunha estela na ruta literaria da vila».
somoscomarca_20250718_quiroga_uxionovoneyra (2)

O poeta do Courel, Uxío Novoneyra, xa conta cunha estela conmemorativa en Quiroga, que o recoñece como parte da ruta «Quiroga, territorio literario». A sinalización foi inaugurada nun emotivo acto celebrado diante do histórico establecemento «El Derroche», lugar simbólico para o escritor, que alí agardaba o autobús cando se desprazaba desde ou cara á súa casa de Parada do Courel.

No acto participaron o seu fillo, Uxío Novo, e o alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, acompañados pola corporación municipal. Uxío Novo salientou os fortes vínculos do poeta coa vila e coa súa xente, lembrando a amizade que o unía a moitos veciños e veciñas de Quiroga.

somoscomarca_20250718_quiroga_uxionovoneyra (1)

O alcalde destacou a relevancia da xornada: «É un día moi importante para Quiroga, polo que hai que darlle a relevancia que ten» O acto tamén incluíu a proxección dunha gravación da voz do poeta e un recitado dun dos seus poemas a cargo do seu fillo.

Esta nova estela incorpórase á ruta literaria grazas ao financiamento do Plan de Sostibilidade Turística do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra. A ruta xa contaba con sinalizacións dedicadas a figuras como Pura e Dora Vázquez, Eduardo Moreiras, Ernesto Guerra Dacal, Luis Losada, Ánxel Fole e Manuel María.

A actividade formou parte dun roteiro literario e musical conducido pola escritora Celia Díaz e musicado por Xavier Blanco da Fundación Legar. O percorrido levou aos participantes a varios lugares ligados a oito escritores influenciados polo microcosmos das terras de Quiroga, incluíndo paradas tanto no casco urbano como na contorna da Veiguiña e o Hospital.

Toda a información sobre a ruta «Quiroga, territorio literario» e os seus autores, incluído Uxío Novoneyra, está dispoñible na web do Concello de Quiroga, no apartado «Arte no A».

Uxío Novoneyra xa forma parte da ruta «Quiroga, territorio literario»