domingo. 19.07.2026

A igrexa de O Salvador de Hospital culmina vinte anos de restauración cunha obra inédita de Francisco Naranjo

O templo quirogués inaugurará o próximo 17 de agosto unha sarga monumental sobre o Bautismo de Xesús, creada expresamente para o baptisterio e chamada a converterse nun novo referente do patrimonio relixioso da Ribeira Sacra
somoscomarca_quiroga_ermida_cristodosalvador2547

Hai lugares onde o patrimonio non permanece inmóbil, senón que continúa medrando. A igrexa de O Salvador de Hospital, en Quiroga, é un deses espazos onde a historia segue escribíndose. Despois de preto de dúas décadas de restauracións, recuperacións artísticas e esforzo colectivo, o templo incorporará unha nova peza creada expresamente para el: unha sarga monumental dedicada ao Bautismo de Xesús, obra do pintor e restaurador malagueño Francisco Naranjo Beltrán.

A bendición da obra celebrarase o vindeiro 17 de agosto, nun acto que contará coa presenza do director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, Ángel Miramontes Carballada, que exercerá como padriño da peza. A cita converterase no broche definitivo dun longo proceso de recuperación patrimonial iniciado en 2005 e que transformou completamente un dos templos históricos máis singulares da comarca.

somoscomarca_quiroga_ermida_cristodosalvador2546

Para o párroco, Xesús Río Ramilo, este momento supón moito máis ca a colocación dunha obra artística. «Para nós é unha inmensa alegría poder dicir que unha igrexa tan grande como a de O Salvador culminou a restauración de toda a imaxinería, dos retablos e da ourivaría. Poder engadir unha nova peza ao patrimonio da igrexa e rematar un proceso tan longo é un triunfo».

O sacerdote recoñece que cando chegou á parroquia, hai seis anos, nunca imaxinou que sería posible completar todas as intervencións nun prazo relativamente curto. «Nunca pensei que se puidese facer todo isto tan rápido».

Un baptisterio recupera a súa identidade

A nova obra ocupará o baptisterio do templo. A elección do espazo non responde unicamente á temática da sarga, dedicada ao Bautismo de Xesús, senón tamén á necesidade de devolverlle coherencia artística a un dos recunchos máis simbólicos da igrexa.

Ata agora, presidía este lugar unha simple reprodución fotográfica colocada de maneira provisional. «O que había alí non era unha peza orixinal. Era unha foto, un apaño momentáneo para adornar un pouco aquel espazo cando se celebraba un bautismo. Víamos que aquilo non estaba en consonancia co resto da igrexa e buscabamos poñerlle algo de calidade, facer algo orixinal e poñer o broche de ouro á restauración».

somoscomarca_quiroga_ermida_cristodosalvador2548

A técnica elixida tampouco é casual. A sarga é unha pintura realizada ao temple sobre tea sen imprimación, unha expresión artística moi empregada durante a Idade Media e os séculos XV e XVI en España e Flandres, que permitirá integrar a nova creación coa estética histórica do templo.

Vinte anos recuperando un templo histórico

A colocación da obra de Francisco Naranjo representa o final dun proxecto iniciado hai vinte anos. A primeira gran intervención chegou en 2005, cando Concello de Quiroga, Bispado de Lugo e Consellería de Cultura impulsaron unha actuación de consolidación valorada en 70.000 euros. Cinco anos máis tarde, unha nova achega de 92.000 euros permitiu continuar os traballos de conservación.

Desde entón foi a propia comunidade parroquial a que asumiu boa parte do esforzo, conseguindo restaurar os tres retablos barrocos, recuperar a imaxinería, a ourivaría e numerosos elementos artísticos que hoxe devolven ao templo o seu esplendor.

somoscomarca_quiroga_ermida_cristodosalvador2545
somoscomarca_quiroga_ermida_cristodosalvador2545

Un templo inseparable do Camiño de Inverno

Pero O Salvador de Hospital non destaca unicamente polo seu valor artístico.Situada practicamente ao pé do Camiño de Inverno a Santiago, a igrexa forma parte da historia da antiga Encomenda da Orde de San Xoán de Xerusalén en Galicia.

«Está ao pé do Camiño de Santiago e iso tamén incrementa as ganas da xente de conservar esta igrexa. Era o centro espiritual da Encomenda de Quiroga e un símbolo para toda a comarca».

De feito, o párroco lembra que os peregrinos pasan apenas a uns metros do templo e anima tanto aos camiñantes como aos visitantes a facer unha parada para descubrir un conxunto monumental que vai moito máis alá da propia igrexa.

«Non é só a igrexa. Ao seu redor hai o edificio da antiga Encomenda, un pazo, unha pía bautismal do século XV, tres retablos barrocos e sepulturas medievais de personaxes relacionados coa Orde de San Xoán e coa liñaxe dos Quiroga. Visitala seguro que non deixa indiferente a ninguén».

O 17 de agosto, unha data chea de simbolismo

A inauguración da sarga celebrarase o 17 de agosto por un motivo histórico. Nesa mesma data, no ano 1480, concluíu o histórico Sitio de Rodas, unha das grandes vitorias da Orde Hospitalaria fronte ao exército otomán.

Na defensa da illa participou Frei Rodrigo de Quiroga, comendador de Quiroga e do Incio, cuxos restos repousan precisamente na igrexa de O Salvador. «Foi un dos cabaleiros que participou naquela resistencia heroica e por iso escollemos esta data, porque une a historia da igrexa coa historia da propia comarca».

A celebración converterase así tamén nunha homenaxe á pegada da Orde de San Xoán nestas terras, que administrou boa parte do territorio entre os séculos XIII e XIX.

Francisco Naranjo, un artista xa ligado a Quiroga

A relación entre Francisco Naranjo Beltrán e Quiroga non é nova. O artista malagueño xa deixou unha profunda pegada no Santuario da Ermida, onde restaurou a imaxe medieval da Virxe dos Remedios, deseñou a coroa da súa coroación canónica, elaborou o diploma xubilar e a cartelería oficial do santuario e asinou ilustracións que incluso serviron de base para emisións filatélicas de Correos.

Segundo explica o párroco, a colaboración naceu grazas á mediación dun veciño da parroquia. «Vimos a calidade da súa obra, estudamos a posibilidade de colaborar con el e chegamos a un acordo. Estamos moi satisfeitos. É un artista de recoñecido prestixio e para nós é un orgullo que queira deixar tamén aquí a súa obra».

Unha invitación a descubrir O Hospital

Coa bendición da sarga, O Salvador de Hospital non só incorpora unha nova creación artística ao seu patrimonio. Culmina un proceso de recuperación que permitirá ás futuras xeracións contemplar un templo practicamente restaurado na súa totalidade.

Para Xesús Río Ramilo, a cita do 17 de agosto é tamén unha oportunidade para redescubrir un dos grandes tesouros patrimoniais de Quiroga. «Gran parte da historia de Quiroga e tamén de Valdeorras estivo vinculada á Orde de San Xoán. O centro espiritual desa Encomenda era precisamente esta igrexa. Achegarse ese día será unha boa ocasión para descubrir unha parte fundamental da nosa historia».

Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado

A igrexa de O Salvador de Hospital culmina vinte anos de restauración cunha obra...