Quiroga xa quenta motores para unha das citas máis agardadas pola mocidade neste verán. A II Summer Begin's volverá converter o Parque da Constitución nunha gran pista de baile ao aire libre o vindeiro 24 de xullo, nunha noite na que a música urbana, o reggaeton, a electrónica e os ritmos latinos serán os grandes protagonistas.
Organizada pola Concellería de Xuventude, a festa arrancará ás 21.00 horas cun cartel integrado por cinco DJs que se irán relevando na cabina ata ben entrada a madrugada.
O encargado de abrir a noite será DJ Sote, produtor galego especializado en música urbana e underground que levou as súas sesións por algunhas das principais salas do norte de España e tamén por cidades como Madrid, Barcelona, Málaga, Granada, Almería ou Tenerife, ademais de actuar no estranxeiro.
Ás 22.30 horas será a quenda de Borja Solla, un dos nomes emerxentes da escena urbana latina. O DJ pontevedrés aposta por sesións cargadas de reggaeton e promete manter a intensidade dunha festa que irá gañando ritmo co paso das horas.
Xa á medianoite subirase á cabina Anxo Silva, un dos DJs galegos máis consolidados dentro da música urbana. A súa proposta combinará dembow, cos seus ritmos caribeños, e os grandes clásicos do reggaeton.
A partir da unha e media da madrugada repetirá na Summer Begin's Dani Daniel, coñecido DJ e locutor valenciano, habitual das sesións remember e do tardeo, que regresa a Quiroga tras a boa acollida da pasada edición.
O peche da festa correrá a cargo de Samucapi, DJ galego especializado en grandes eventos, que mesturará reggaeton, música urbana, latin tech e funky brasileiro para despedir unha noite que promete manter o ritmo ata o último minuto.
Con esta segunda edición, o Concello de Quiroga consolida unha proposta pensada especialmente para a mocidade e para todos os amantes da música urbana, convertendo de novo o Parque da Constitución nun dos epicentros do lecer estival na comarca.
Os amantes da música e do bo ambiente xa poden marcar a data no calendario: será o 24 de xullo, a partir das 21.00 horas, con entrada libre e unha única consigna: bailar sen parar.
