jueves. 31.07.2025

Quiroga celebra a súa mostra máis doce do ano, a do mel

A rúa Real encherase de aroma e sabor coa XXXIV Mostra do Mel o domingo 10 de agosto
Feira do Viño de Quiroga e Festival Celtibérico 2022 (44)

O Concello de Quiroga organiza o domingo, 10 de agosto, a XXXIV edición da Mostra do Mel, unha cita xa consolidada que serve para poñer en valor a excelente calidade do mel que se produce no municipio. A feira coincide coa xornada de mercado máis multitudinaria do ano, converténdose nun dos eventos máis destacados do verán na comarca.

O recinto feiral instalarase na rúa Real, nas inmediacións da Casa Consistorial, e abrirá as súas portas ás 11 da mañá. Alí poderanse mercar non só distintas variedades de mel, senón tamén outros produtos apícolas como xelea real, pole ou própole.

Nesta edición serán oito os apicultores participantes, procedentes de diferentes puntos do concello como Montefurado, Outeiro ou Paradapiñol. As súas colmeas, repartidas por diversas zonas do territorio, dan lugar a meles con características propias segundo a flora predominante en cada área.

Así, nas zonas altas domina o mel de castiñeiro; nos vales, o mel de brezo —planta da que toma nome Quiroga, "queiruga"—; e nas zonas intermedias, a diversidade floral permite a produción dun mel multifloral, que combina o pole de castiñeiros, queirugas e moitas outras especies. Esta riqueza vexetal, resultado da convivencia entre a flora atlántica e mediterránea, ofrece produtos variados en cor, textura e sabor, pero cunha calidade excepcional común.

A música tamén terá un papel destacado durante a xornada. O grupo local de gaitas O Recanto dará comezo á mañá cunha alborada tradicional. Xa ao mediodía, o grupo NoAllKansas animará a sesión vermú cun repertorio de éxitos das décadas dos 70, 80 e 90, interpretados cun toque moderno.

A Mostra do Mel de Quiroga é unha ocasión perfecta para descubrir os sabores únicos dun produto que, xunto co viño e o aceite, representa a excelencia gastronómica e a identidade do municipio.

Quiroga celebra a súa mostra máis doce do ano, a do mel