O alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, fixo balance do ano 2025 nunha entrevista en Radio Valdeorras Onda Cero, cualificando este exercicio como un punto de inflexión para o municipio. Un ano no que, segundo destacou, se deixou atrás a visión do rural como espazo en declive para reivindicalo como territorio de innovación, convivencia, participación e oportunidades.
«O 2025 marcou un antes e un despois para San Xoán de Río. Pasamos de facer ruído a intentar converter ese ruído en melodía e en proxectos clave», sinalou o rexedor, quen lembrou que cando chegou á alcaldía, hai seis anos, «non sabiamos nin que existiamos» fóra do ámbito local.
Economía social e cohesión veciñal
Un dos piares fundamentais da acción municipal durante 2025 foi a economía social, entendida non só como xeradora de emprego, senón tamén de valor comunitario. O Concello impulsou programas de emprendemento social rural, con especial atención aos servizos de proximidade, á economía circular e á innovación social, así como iniciativas de formación dirixidas a mozas e mulleres rurais.
«San Xoán de Río fala de oportunidades, non de limitacións», defendeu Pérez Blecua, quen subliñou a colaboración co terceiro sector e a participación en redes galegas e europeas de innovación social para dar visibilidade ao modelo do municipio.
Paralelamente, 2025 serviu para consolidar un modelo de convivencia interxeracional, no que persoas maiores, mocidade e infancia compartiron espazos, actividades e aprendizaxes. Entre as iniciativas máis destacadas figuran o III Campus de Fútbol Mixto, celebrado por primeira vez na estación de montaña de Manzaneda, ou o programa Río en Rede, con obradoiros sobre memoria oral, cultura local e competencias dixitais.
«A convivencia entre xeracións é o mellor investimento en futuro», afirmou o alcalde.
San Xoán de Río no mapa europeo
Outro dos fitos do ano foi a proxección internacional do municipio. San Xoán de Río participou no 6º Parlamento Rural Europeo, celebrado en Escocia, representando a Galicia xunto co Concello de Larouco, entre máis de 400 líderes de 43 países. Ademais, forma parte do proxecto RURAL EU, xunto con socios de Italia, Romanía e Croacia, centrado no emprendemento xuvenil e no papel do terceiro sector.
«Río xa non se entende só desde Ourense; tamén se entende desde Europa», destacou Pérez Blecua, quen defendeu a necesidade de «traer Europa ao rural e simplificar a burocracia para que os proxectos non morran antes de empezar».
Neste sentido, o alcalde insistiu en que a clave do cambio foi a conectividade: «Seguimos estando a 66 quilómetros de Ourense, pero agora estamos a un clic de todo o mundo. Iso cambia completamente as oportunidades».
Política útil e orgullo rural
Durante a entrevista, o rexedor apostou por un novo xeito de facer política: «Temos que cooperar e non competir cos concellos veciños. Os problemas do rural son os mesmos, sexa quen sexa o alcalde». Defendeu tamén a innovación con propósito social e o orgullo de vivir no rural: «Non somos un problema, somos parte da solución».
Un dos exemplos máis claros deste enfoque foi o Festival da Longevidade, nacido tras un artigo do Wall Street Journal que situou San Xoán de Río como a zona máis envellecida de Europa. «Non nos gusta que nos chamen envellecidos, preferimos dicir que vivimos máis e mellor», explicou.
O festival serviu para poñer en valor a chamada economía da lonxevidade e para reunir a máis de 60 médicos con raíces no concello, un feito singular nun municipio de pouco máis de 500 habitantes.
Cultura, comunicación e participación
O 2025 tamén foi un ano de forte aposta cultural, con estreas de cine simultáneas ás de Madrid ou Barcelona, premios literarios vinculados ao rural, arte urbana e iniciativas pioneiras en inclusión e diversidade, que levaron a San Xoán de Río a ser finalista en certames europeos.
«Moitas veces din que son o alcalde das ideas. E é certo: como non temos cartos, temos que ter ideas», recoñeceu Pérez Blecua. Ideas que, segundo insistiu, nacen da escoita activa á veciñanza e do traballo conxunto co tecido asociativo.
Como exemplo recente, citou o Amigo Invisible municipal de Reis, unha iniciativa pensada para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia: «Son pequenos xestos, pero moi necesarios no rural».
Retos para 2026
De cara ao futuro, o alcalde avanzou como principais retos para 2026 a creación dunha entidade local de cooperación europea, a posta en marcha dun espazo de coworking e laboratorio rural, o impulso de programas de economía circular e enerxías renovables, así como o reforzo da formación para o emprego en servizos de proximidade e dixitalización.
«O 2025 foi o ano da consolidación dun modelo: o dun concello pequeno con ideas grandes. Non somos o final dun mapa, somos o punto de partida dunha nova ruralidade», concluíu.















