A clausura do I Festival da Lonxevidade de San Xoán de Río estivo marcada pola «emoción e polo reencontro». Cunha igrexa ateigada de veciños e visitantes, o Concello homenaxeou a preto de sesenta médicos con raíces no municipio, algúns deles sen verse entre si dende había medio século.

«Pódese definir con dúas palabras: emoción e reencontro», resumiu o alcalde, Xosé Miguel Pérez Blecua, quen destacou a singularidade deste concello, cunha cifra que podería aspirar a récord Guinness: «En España hai seis médicos por cada mil habitantes; en Galicia, catro; pero en San Xoán de Río temos cento dezaoito por cada mil».

Chegaron profesionais procedentes de puntos tan diversos como Euskadi, Valencia, Madrid, Barcelona ou mesmo Portugal —de Braganza ou de Montsau—, moitos deles fillos ou netos da xeración que tivo que emigrar pola pobreza e que fixo un gran esforzo para que os seus descendentes puidesen estudar. «Abríronse catorce ou quince escolas, e moitos decidiron facer Medicina», lembrou o rexedor.

A xornada arrancou coa música tradicional de Queixumes dos Pinos, seguida dunha sesión de intervencións nas que participaron, entre outros, Rosendo Fernández, en representación da Deputación de Ourense; Julio Ancochea, presidente de Asomega e medalla Castelao en 2024; e José Ovidio, quen repasou a historia dos médicos de San Xoán, como a familia Rodicio, que xa vai pola quinta xeración na profesión.

O momento máis emotivo chegou coa entrega dun detalle personalizado a cada homenaxeado: unha orla coas fotos dos 59 médicos inicialmente identificados —aos que se sumaron outros localizados esa mesma xornada—, un debuxo realizado polos nenos do campamento, unha frase para animar ás novas xeracións a estudar Medicina e unha bolsa con herbas da farmacia Paz de Trives para elaborar licor tradicional.

A clausura correu a cargo de Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, cunha intervención na que animou a «defender as paradas de tren da Gudiña» e puxo en valor o papel dos profesionais da saúde como exemplo para o rural.
O acto rematou cunha foto de familia e un xantar de confraternidade, pero o alcalde xa adiantou que isto é só o comezo: «Onte non foi o fin, senón o inicio de volver xuntar a todos os médicos de San Xoán de Río».
San Xoán de Río un laboratorio europeo de benestar e envellecemento activo.
En 2021, un reportaxe internacional situou a San Xoán de Río entre os concellos máis envellecidos de Europa. O alcalde, Xosé Miguel Pérez Blecua, decidiu transformar esa imaxe en orgullo, nacendo así o I Festival da Lonxevidade.
O venres 8 de agosto inaugurouse na igrexa local cun manifesto en defensa do rural e a presentación do Plan de Turismo Xerativo 2025–2035, que incluíu un Laboratorio Rural da Lonxevidade e unha rede internacional de concellos.
Expertos e representantes doutros territorios destacaron o potencial do rural para o benestar activo. A xornada rematou con showcooking, viños da Ribeira Sacra e romaría.