domingo. 19.10.2025

San Xoán de Río impulsa o festival «EU RIO» dentro do proxecto europeo EU Rural

somoscomarca_sanxoanderio_edificio_centrosalud_centrodesaude_2022 (39)

O Concello de San Xoán de Río acolleu este sábado unha reunión de traballo entre a Asociación Cultural RioMola e a Asociación Cultural Os Tiburos de Trives, no marco do proxecto europeo EU Rural, unha iniciativa orientada á dinamización do rural, a participación xuvenil e a promoción da cultura.

O encontro, celebrado no salón de plenos municipal e cun formato híbrido —presencial e por videoconferencia—, serviu para dar os primeiros pasos na organización do festival «EU RIO», un evento cultural e musical que se celebrará en agosto de 2026 e que aspira a consolidarse como un referente no ámbito rural galego.

Durante a sesión acordouse que o festival combinará actividades culturais diúrnas cun programa musical nocturno, co obxectivo de atraer á mocidade e crear un espazo de convivencia, aprendizaxe e dinamización social no territorio. Tamén se prevé a creación de grupos de traballo abertos á veciñanza, encargados de deseñar a programación e coordinar os aspectos organizativos e loxísticos do evento.

O proxecto EU Rural, financiado pola Comisión Europea, permitirá ademais formar a mozos e mozas en Croacia na organización de eventos culturais e na xestión de entidades do terceiro sector, reforzando así as oportunidades de emprego e desenvolvemento vinculadas ao mundo rural.

O alcalde de San Xoán de Río, José Miguel Pérez Blecua, destacou o valor da iniciativa e o compromiso municipal coa cultura como eixo de futuro: «San Xoán de Río continúa apostando polas iniciativas culturais como motor de desenvolvemento e cohesión. “EU RIO” será un punto de encontro entre a mocidade, a creatividade e o territorio».

Pola súa banda, a coordinadora do proxecto subliñou «a importancia de levar a cultura ao rural para que a mocidade non teña que desprazarse para desfrutala, e para que ao mesmo tempo se xere economía local a través da creatividade e do talento».

O proxecto continuará nas vindeiras semanas coa creación dos equipos de traballo e a definición do calendario de actividades previas ao festival, que marcarán o inicio dun novo ciclo de participación cultural en San Xoán de Río.

San Xoán de Río impulsa o festival «EU RIO» dentro do proxecto europeo EU Rural