
A Mostra do Aceite de Quiroga celebra a súa vixésima cuarta edición este 21 de abril en Bendilló. Nesta ocasión, case un mes antes que o ano anterior. A espera merecerá a pena, a maneira tradicional de facer este produto volverá a ser protagonista nesta xornada.
«É algo único desta zona grazas as oliveiras centenarias, segundo a Universidade de Vigo», asegura José Luis Rivera, alcalde do municipio. Esta é unha maneira de facer «promoción a un dos produtos máis importantes que temos, xunto co viño», incide.

O evento comezará ás 11:30 coa posta en funcionamento do seu tradicional muíño da Farrapa. Para que sexa posible que todo o mundo poida coñecer este costume, volverase a facer unha segunda vez ás 12:00. Coñecer a elaboración do aceite de maneira tradicional é o principal obxectivo de seguir facendo esta actividade.
Durante esta demostración os olivicultores participantes abrirán os seus postos, nos que se poderá adquirir aceite. «Unha das novidades e que as botellas levarán o formato e etiqueta de cada un deles», explica Rivera.
A maiores, nesta nova edición estarán presentes sete empresas diferentes, é dicir, dúas máis que en anos anteriores. «Participan dou de Ribas de Sil, un é Val de Quiroga e o outro é Cento por Cento». A estes dous súmanselle: Ouro de Quiroga, Jesús Bao Mondelo, Jesús Arias Rodríguez, Aceiroga e Pedro Soto Losada.
Como en anos anteriores, a capela das Farrapas acollerá ás 12:00 unha degustación comentada, «tamén teremos música tradicional polo recinto». Unha hora despois poderase volver a ter a oportunidade de poder asistir a esta actividade. «Teremos os mesmos aceites que se presentan a mostra, xa que todos eles deron un litro a organización para isto», explica.
Unha vez rematada a segunda degustación «teremos varias agrupacións musicais». Ademais, para poder facilitar que as persoas que vaian ata Bendilló podan comer, «haberá churrasco e polbo».
O foco xa está nas vodas de prata
O alcalde xa está a pensar como será a próxima edición. «Son as vodas de prata, entón vámola trasladar a Quiroga. Aínda que seguiremos facendo o do muíño», adianta. Iso si, para poder acudir a ver esta actividade tradicional, «poñeremos un autobús para quen queira ir». A maiores faranse dous días, «queremos darlle máis promoción o produto».