«Es totalmente inadmisible que ahora paguemos la tonelada de basura a 55 euros y ahora pretenden que sea a 88 durante todo el año». Así explicaba o alcalde do Barco, Alfredo García, o motivo polo que o seu grupo —Partido Socialista— vai presentar unha moción no pleno deste xoves 5 de setembro. «Y nos anunciaron que serán 108 euros, prácticamente duplicando el canon».
Neste senso propoñen os socialistas un acordo que inclúa o rexeitamento por parte do Concello do Barco a subir o canon de Sogama pola xestión do lixo, «decidida unilateralmente pola Xunta de Galicia para os vindeiros meses e anos». Asemade, instan ao ente autonómico a que «manteña o canon actual que pagan os concellos adscritos a sogama, de 66 euros por tonelada de residuos domésticos».
Tamén se dirixen á Xunta para instarlle a «implantar medidas urxentes para avanzar cara unha xestión descentralizada dos residuos, coa creación de plantas de proximidade, privilexiando a redución e a reciclaxe fronte á incineración e o depósito en vertedoiro».
O alcalde informaba tamén á cidadanía de que «igual que bajamos la tasa de basura en la proporción que lo hizo Sogama, ahora tendremos que subirla si así se decide definitivamente, con el mismo criterio».
Avanzaba o rexedor ademais que apoiarán dende o PSdeG a moción do Bloque Nacionalista Galego sobre as recomendacións tecnolóxicas asequibles para o Concello.
Pode escoitar a entrevista completa co alcalde, Alfredo García, neste enlace de audio:
O BNG céntrase nos conservatorios de música municipais
Ademais da moción sobre recomendacións tecnolóxicas que presentarán dende o Bloque Nacionalista Galego, tamén levarán a pleno unha sobre a situación dos conservatorios de música municipais galegos.
Neste caso explican que «os conservatorios da Xunta se atopan sen prazas vacantes dos instrumentos escollidos polas estudantes. Este é o caso de 23 conservatorios» en Galicia. Asemade engaden que «non parece apropiado que un concello asuma o custo desta etapa formativa ao alumnado matriculado no Conservatorio cando a súa residencia está noutro concello».
Céntranse tamén os nacionalistas nas diferenzas entre cidades e municipios, falando dunha «situación clara de discriminación con respecto ao alumnado de conservatorios dependentes da Xunta e situados nas cidades».
Instan dende o BNG á Xunta a que asuma «as súas competencias con respecto aos Conservatorios con titulacións oficiais e cree «unha rede de conservatorios profesionais de música, agrupando os centros por comarcas».