
A Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) atribuíu a proposta de actualización do canon correspondente a 2024 que pagan os 295 concellos, aos que presta servizo pola xestión dos seus residuos, ás «recentes decisións adoptadas polo Goberno central no último ano e medio».
Así o explicou o presidente de Sogama, Javier Domínguez, durante a súa comparecencia a petición propia na Comisión 2ª do Parlamento para falar da situación das contas da empresa pública e da revisión do canon prevista para este ano. Sinalaba que «unha vez aplicada esa revisión, o importe que pagarán as entidades locais en 2024 seguirá sendo o máis barato de Galicia e mesmo do conxunto de España».
O máximo responsable da entidade subliñou que «só o novo imposto á vertedura e á incineración se traduciu para a entidade pública empresarial nun desembolso de 9,1 millóns de euros en 2023». De feito, lembrou que Galicia foi unha das comunidades que durante a tramitación da Lei de residuos e solos contaminados para unha economía circular «alegou, sen éxito, en contra da creación deste novo gravame».
A esta contía, segundo explicou, «houbo que engadir o feito de que en xullo do ano pasado o Goberno central eliminou a retribución que viña percibindo Sogama polo investimento realizado na súa planta termoeléctrica».
Neste sentido, tal e como figuraba nas alegacións presentadas pola Xunta á lei estatal, incidiu en que «a penalización a todos os concellos e cidadáns por igual, non é a vía para acadar os obxectivos de redución, reutilización e reciclaxe».