
O Barco retoma o curso político nesta primeira semana de setembro
O Bloque Nacionalista Galego presentará, no primeiro pleno do mes, unha moción sobre «recomendacións tecnolóxicas asequibles para o Concello»

O mes de agosto foi "de vacacións" para a corporación municipal do Concello do Barco. Agora chega setembro, e con el, o primeiro pleno ordinario do curso, que se vai realizar este xoves día 5 ás 19:00 horas.
Os tres grupos con representación están preparando xa a volta ao salón de sesións, e o Bloque Nacionalista Galego faino en clave tecnolóxica, cunha moción centrada nestes asuntos. «Os organismos públicos teñen a obriga de facilitar o acceso dos cidadáns á tecnoloxía», explican os nacionalistas nun comunicado.
Nese senso propoñen dende o BNG facilitar un acceso automático, de 9:00 a 15:00 horas á aula CEMIT do Concello «como espazo co-working, para facilitar a todos os cidadáns o acceso a un ordenador». Xustifican esta proposta explicando que «moitas veces está pechada a aula por falta de persoal, vacacións, etc...».
Na mesma nota destacan os nacionalistas o acceso ás pistas deportivas, propoñendo que se «puidera establecer o mesmo formato que na aula CEMIT e tamén proporcionar unha aplicación móbil para poder reservar a pista por data e hora».
Continuando co ámbito deportivo, fan fincapé na páxina web municipal, e ofrecen a posibilidade de crear webs específicas para deportes e cultura. Explican esta proposta baseándose na «programación activa de ambas áreas». Así, no vindeiro pleno proporán crear estas novas páxinas «no propio módulo de xestión que se empresa na páxina principal do concellodobarco.gal, sen necesidade de incorrer en ningún custo».