sábado. 31.05.2025

Xavier Rocha: «O Barco ten potencial para máis e para iso estamos nós con ideas novas»

O estreado concelleiro do BNG do Barco tomou posesión no pleno do mes de xuño. Falamos con el sobre esta nova ocupación —é programador de profesión— e sobre a actualidade política do municipio
somoscomarca_240607_obarco_pleno339
Xabier Rocha: «O Barco ten potencial para máis e para iso estamos nós con ideas novas».

Xavier Rocha é o novo concelleiro do Bloque Nacionalista Galego do Barco, tras a marcha de Suso Vilasánchez. Ten 44 anos e é programador de profesión, sendo esta a súa primeira experiencia en política. Estudou en Suecia e viviu 13 anos en Irlanda. Mantivemos unha entrevista con el para valorar como foi a toma de posesión, a actualidade do municipio e os resultados das eleccións ao Parlamento Europeo. 

SOMOS COMARCA: Tomas posesión como concelleiro do BNG. Como tomas este novo reto?

XAVIER ROCHA: É un honor. A miña profesión é informático, programador, e dende o BNG propuxéronme hai un ano se quería colaborar máis na parte de redes sociais, na parte informática, e aí entrei de número 4. Agora que Suso marchou entrei. Vai ser unha experiencia, tamén para aprender. A política sempre foi un pasatempo para min. 

SC: Falas de Suso Vilasánchez, quen deixou o seu posto o pasado mes de abril. 

XR: Hai certa responsabilidade despois da súa marcha pero polo de agora non sinto demasiada presión. Estou acostumado a expoñer cousas no meu traballo. Teño a responsabilidade de representar á xente que te votou e ao BNG. Ademais Suso traballaba moitísimo, era moi activo, e iso tentarei facer eu. Dar certo nivel e non chegar ao sen preparar nada.

somoscomarca_240607_obarco_pleno324

SC: Como valoras a actualidade política agora que acabas de chegar?

XR: Eu vexo cansancio no grupo do Partido Socialista, é normal, son moitos anos. Iría ben aire fresco, e aí temos que estar nós propoñendo cousas novas. Agora estamos coa casa da mocidade, algo que presentaremos no próximo pleno. Estamos recollendo sinaturas en change.org para ver se se move isto. É importante propoñer cousas para a xuventude, por exemplo. A nivel social e deportivo pódese mellorar, por exemplo só hai unha pista de tenis. O Barco ten potencial para máis. Cando volvín do estranxeiro pensei que quero que estea mellor, para min e para todos.

SC: Comentas a túa vida no estranxeiro. Foi algo que te impulsa agora para pensar en proxectos no Barco?

XR: Estudei case dous anos en Suecia e logo vivín 13 anos en Irlanda. A xente pensa que no norte de Europa hai uns servizos increíbles, pero a universidade non tiña un mellor nivel que a pública aquí, de Ourense por exemplo. Iso faite pensar, non é que xente sexa máis lista, senón que fan as cousas doutra forma, mellor. Pero non son máis intelixentes. 

SC: Cales cres que son as prioridades do Barco agora mesmo?

XR: O tema do río é fundamental. Sei que están traballando nelo pero hai que seguir por aí. Iso vaise quedar curto. Estou traballando un pouco no Salgueiral, que sei que non é doado pola Confederación, pero hai que meter man aí porque non está ben. Pensemos no Silfest ou nos peregrinos e visitantes. Hai moito percorrido de aquí a Vilamartín ou en Éntoma que pode aproveitarse

SC: Na toma de posesión comprometícheste a defender os intereses da cidadanía do Barco e do pobo galego. 

XR: Isto é unha formalidade de todos os cargos do BNG. Pero se analizas o comprimiso os intereses da xente do Barco van estar por diante do partido, e de momento non hai conflito. Temos total liberdade e estou cómodo no BNG por iso. Estaba algo nervioso ao principio ao ser un partido grande, pero teño que dicir que moi ben —tanto co partido como cos compañeiros—. Cando haxa problemas, marcharei. E o do pobo galego é un feito, formamos parte de Galicia e así o dicimos. 

SC: O domingo celebráronse as eleccións ao Parlamento Europeo, que lectura extrae o BNG do Barco dos resultados?

XR: Subiron os votos, non moitísimo, pero son unhas eleccións non tan participativas. A xente vai menos a votar, pero aínda así conseguiuse o obxectivo e estará Ana Miranda representando a Galicia en Europa. O balance sempre será positivo se temos máis votos que as eleccións anteriores, e no Barco estamos nunha boa posición e moi sólida

A entrevista completa está dispoñible neste enlace de audio

Xavier Rocha: «O Barco ten potencial para máis e para iso estamos nós con ideas novas»