
Co son de abanicos e o axitar de papeis que tentaban sofocar a calor de onte, 6 de xuño, arrincaba pleno ordinario no Barco de Valdeorras. Unha sesión que prometía ser «tranquila» pero que tamén tivo os seus momentos de tensión —sobre todo, na Moción presentada polo Partido Socialista relativa á Solidariedade co pobo palestino—.
Un recén estreado concelleiro do Bloque Nacionalista Galego chegaba ao edificio cunha mochila ás costas, minutos antes de tomar posesión. Ese foi precisamente o cuarto punto da orde do día. Javier Rocha achegábase ao lugar do alcalde, Alfredo García, para entonar a súa promesa «por imperativo legal, me comprometo a defender os dereitos e intereses da veciñanza do Barco de Valdeorras e do pobo galego».

«Traemos unha moción do Fondo Galego de Cooperación»
O concelleiro do Partido Socialista Aurentino Alonso foi o encargado de ler unha moción que presentaron tras recibila polo Fondo Galego de Cooperación —ao que o Concello do Barco pertence—. Trátase dunha moción de «solidariedade co pobo palestino» onde rexeitan «totalmente o xenocidio que se está a cometer en Palestina».
No mesmo afirman que se trata dunha «limpeza étnica. Pedimos unha solución xusta do dereito internacional e un proceso de paz». Precisamente defenderon os socialistas o papel «que debemos ter como institución local, de solidariedade, e como actor de paz».

Manuel Agra, voceiro do BNG, tomou a palabra tras a lectura da moción, e fíxoo recitando uns versos de Luísa Villalta —homenaxeada este 2024 no Día das Letras Galegas— onde reflexiona sobre a guerra, a paz e a liberdade. Puxo en valor tamén o concelleiro as «concentracións que se levan facendo dende outubro en apoio e solidariedade, e tamén no Barco».
O debate xurdiu coa resposta de Antonio Melo, voceiro do Partido Popular, cando defendeu «o mesmo tratamento para todas as guerras, e non só para a de Palestina». Puxo así exemplos doutros conflictos bélicos actuais a nivel mundial, e centrouse tamén no punto da moción que facía referencia ao recoñecemento de Palestina como Estado, e refería que «isto debería modificarse porque xa o fixo o Goberno de España».
Finalmente a moción aprobouse con 12 votos a favor e cinco abstencións.
Dúas declaracións conxuntas
Os tres partidos políticos con representación no pleno do Barco asinaron onte dúas declaracións conxuntas, ambas, cun fondo social. Ambas foron lidas polo alcalde, Alfredo García. A primeira delas foi a «Proposta para visibilizar a necesidade de cobertura das prazas de pediatría de atención primaria do distrito sanitario do Barco de Valdeorras».
Esta proposta foi levada a pleno por dúas das nais que forman parte da Asociación que está recollendo firmas por este obxectivo: Aurora Rodríguez e Sandra Méndez, presentes ambas tamén neste pleno do mes de xuño. Consecuentemente, foi aprobada por unanimidade.

A outra das declaracións conxuntas aprobadas en pleno foi referida ao «Apoio ó colectivo de afectados pola ELA». Nela os tres partidos asinaron unha defensa polos «dereitos e necesidades tanto dos enfermos como das familias», poñendo de manifesto o elemento «económico que implican ditos coidados».
Emitirán esta declaración «nos próximos 30 días á Xunta de Galicia e á Deputación de Ourense para prestar apoio público» neste senso. Convidan así a «todos os municipios galegos a unirse».
Dúas mocións de urxencia: unha do BNG e outra do PP
Manuel Agra, voceiro do BNG, e Antonio Melo, do PP, foron os encargados de sendos partidos de ler as mocións de urxencia que se incluíron neste pleno. Os nacionalistas emitiron unha «petición para retransmitir as sesións plenarias en directo e en diferido para que a poboación do Barco poida ter unha opinión libre».

Pola súa banda, o Partido Popular presentou unha moción de urxencia para pedir «que a Volta Ciclista a Galicia faga saída e chegada ao Barco de Valdeorras, coas ganancias económicas e turísticas que podería traer ao municipio».
Ambas mocións foron escoitadas polo equipo de goberno.