sábado. 31.05.2025

O Barco aproba o documento da Axenda Urbana por unanimidade

Tamén se deu paso á lectura dunha proposta para a cobertura das prazas de pediatría para ser aprobada no próximo pleno nunha moción conxunta. O debate abriuse na moción de urxencia do Partido Popular 
p_somoscomarca_240502_obarco_pleno_votacion
O Barco aproba o documento da Axenda Urbana por unanimidade.

Con catro cadeiras baleiras —por diferentes motivos— arrincaba o pleno 6/2024 no salón de sesións do Barco de Valdeorras. De novo cunha bancada de público chea de persoas. Entre elas, o novo concelleiro do BNG, Xavier Rocha, que tomará posesión do cargo tras a marcha de Suso Vilasánchez —non puido facelo nesta sesión por non ter aínda as súas credenciais—. 

somoscomarca_240502_obarco_pleno-nuevoconcejalbng_sintomarposesion
Xavier Rocha en primeira fila na bancada do público.

Con 19 puntos na orde do día, o documento do plan de acción da Axenda Urbana foi aprobado por unanimidade. Un documento con catro eixos fundamentais, e que poderá axudar ao municipio a recibir fondos europeos. «En regras xerais céntrase na cooperación entre municipios, a cohesión social, a economía circular e a sostibilidade», segundo explicaba Aurentino Alonso.

Precisamente nesa cooperación entre municipios centrouse Manuel Agra, do BNG, mostrándose «a favor do documento» pero atopando nel «ausencias, como a de falar de cooperación pero decidindo algunhas cuestións dende o Concello do Barco sen contar con outros municipios involucrados». Nese senso os nacionalistas insistiron no eixo de cooperación entre localidades, «para centrarnos tamén nos núcleos que estean fóra da urbe». 

somoscomarca_240502_obarco_pleno-manuelagra_bng)
Manuel Agra e Noa Fernández (BNG).

Espazo destacado tamén para o Plan Estratéxico de Subvencións que, segundo Aurentino Alonso, «é unha continuación do documento do 2020/2023, agora no periodo 2024/2026». Plan que foi aprobado con nove votos a favor e catro abstencións do Partido Popular

Encendido debate na moción de urxencia do PP

O Partido Popular presentou no pleno unha moción de urxencia —xa publicada dende hai uns días— na que pedían a «adecuación de las instalaciones de la Policía Local y el incremento de la plantilla», así como «la creación de un puesto principal de la Guardia Civil en O Barco». 

Antonio Melo, voceiro dos populares, tomaba a palabra no pleno enunciando os perigos que, segundo o seu partido, existen actualmente no Barco en cuestión de delincuencia e seguridade. Xesto que afeou o resto dos partidos «por non aportar datos reais e contrastados», afirmaba Noa Fernández (BNG). 

Tamén os populares defenderon a adquisición dun «Taser, que no provoca daños graves en el arrestado ni mortales». Sería unha especie de inmobilizador. De novo, proposta rexeitada polo Bloque Nacionalista Galego, que amosou datos que «confirman que este tipo de armas provoca danos moi perigosos na persoa». Unha intervención de Noa Fernández que rematou cun «poñamos máis farolas e menos armas», frase que provocou un «madre mía» da bancada do público. 

somoscomarca_240502_obarco_pleno-bancadapp

Estaba aberto xa o debate sobre a veracidade dos datos vertidos sobre os diferentes partidos. O BNG reaccionaba ademais con «sentimentos encontrados nesta moción, porque estamos completamente solidarizados coa situación laboral dos efectivos, pero non se inclúe algo moito máis importante que este suposta delincuencia e demostrado con datos: a seguridade viaria». Pechaba a súa intervención Noa Fernández acusando ao Partido Popular de «empregar a política do medo». 

Pola súa banda o Partido Socialista, representado por Aurentino Alonso, arroxou datos do pasado sobre o aumento de efectivos en Galicia e sobre o nivel de criminalidade que existe. «Galicia é a terceira comunidade máis segura, e Ourense a quinta provincia con mellores niveis». O alcalde, Alfredo García, comprometeuse neste punto a pedir ao subdelegado do Goberno «a organización dunha Xunta de Seguridade Local no Barco».

En conclusión, esta moción de urxencia quedou sen aprobar, con catro votos a favor, seis en contra (PSOE) e seis abstencións (BNG). 

«Que queremos? Pediatra»

Esa foi a pregunta emitida por Aurentino Alonso cando unha nena achegouse á bancada para entregarlle a proposta elaborada por pais e nais para cubrir as prazas de pediatría no Barco. Unha pequena que se mantivo todo o pleno atendendo ata o momento no que unha das mulleres que a acompañaba puido ler dito documento. 

somoscomarca_240502_obarco_pleno_entregafirmaspediatra242
Entrega da proposta para cubrir as prazas de pediatría.

Entre as peticións do colectivo, representado no pleno por dúas mulleres e a pequena, está «non usar esta causa como arma política; a contribución coa recollida de sinaturas por parte dos grupos políticos e facelas chegar ao máis alto nivel necesario; ou que o Concello dea apoio loxístico ás persoas que conforman este movemento». Mensaxe tamén para os medios de comunicación, para «o apoio e respaldo público».

Ademais da lectura da proposta levaron á sesión plenaria un prego con todas as sinaturas recollidas «que pasan neste momento das 3.000» e ás que se lle sumaron as dalgúns concelleiros unha vez rematado o pleno. 

O alcalde, Alfredo García, comprometeuse a levar ao próximo pleno esta petición e poder negociar unha moción conxunta «dos tres partidos políticos para solventar este problema». 

O Barco aproba o documento da Axenda Urbana por unanimidade