
O adeus á política de Suso Vilasánchez: aplausos e emoción
O concelleiro do BNG despedíase no pleno do Barco «moi orgulloso por ter formado parte dunha corporación demócrata e respectuosa»

O segundo punto da orde do día do pleno do Barco levaba a toma de razón da renuncia do cargo de concelleiro de José Jesús Vilasánchez Feijóo, Suso Vilasánchez —Bloque Nacionalista Galego—.O concelleiro tomou a palabra para despedirse dunha corporación que definía como «demócrata, que foi quen de manter as lóxicas discrepancias políticas sen cruzar nunca a liña vermella do insulto persoal nin desexar que ninguén tivese que saír do país no maleteiro dun coche».
O nacionalista foi despedido entre aplausos, recoñecemento e agradecemento por parte dos seus compañeiros e do público.
Desexaba Vilasánchez que «institucións deste país tivesen o respeto que hai sempre neste pleno. Enfrentamentos políticos, sí; insultos, desacreditacións persoais ou interpretacións espúreas da lei, non». Con «pena» se despedía o concelleiro do BNG pero «orgulloso de ter formado parte deste pleno e do da corporación anterior».
Verbas de agarimo tamén para O Barco, que definiu como «gran concello, culto e liberal. Que ten os seus problemas e puntos de mellora pero sempre con respeito». Pechaba a súa última intervención expoñendo que, para el, «a carreira política non é de fondo, é de relevos. É hora de marchar».
Con este cambio, Manuel Agra será o novo voceiro do partido. Pola súa banda Xavier Rocha será a nova incorporación o partido. Este é a primeira vez en política do novo membro do BNG polo Barco de Valdeorras.