Suso Vilasánchez: «Para min militar no BNG era un título»
Suso Vilasánchez sorprendía, na maña do 11 de marzo, a todos os cidadáns do Barco cando anunciaba que dimitía do seu cargo como concelleiro do Bloque Nacionalista Galego no Concello do Barco
Suso Vilasánchez: «Para min militar no BNG era un título»
Suso Vilasánchez sorprendía, na maña do 11 de marzo, a todos os cidadáns do Barco cando anunciaba que dimitía do seu cargo como concelleiro do Bloque Nacionalista Galego do Concello. Nesta mesma rolda de prensa tamén se presentaba o seu sucesor, Xavier Rocha, quen comezará a súa andadura na política. Con este anuncio, Manuel Agra pasou a ser o novo portavoz do BNG.
«Todo o mundo está moi afeito a que un político non se mova do sitio, pero iso non ten que ser así. Eu son unha persoa que xa non son un neno, non é por nada, pero nas próximas eleccións municipais cóllenme máis preto dos 70 que dos 60», asegura Vilasánchez nunha entrevista a Somos Comarca.
Vilasanchez é consciente de que no mundo da política «chega certo momento no que se ten que mirar para os lados e saber se hai alguén capaz e con ganas de recoller o testigo».
Suso Vilasánchez e Noa Presas
Aínda que marche, «a militancia política sígoa tendo». Pese a deixar o seu posto como concelleiro, queda coa parte positiva e cuns «resultados espectaculares. A potencia do BNG, nestes momentos, é unha potencia nunca coñecida». Quedan tres anos por diante para seguir avanzando e «que a xente que me substitúa sexa quen de enfrontarse a unhas municipais».
Por mor da súa profesión, Vilasánchez está afeito a ver gráficas e, tamén, facelas. «Se ves a evolución do concello, quedas impactado», explica. Pero, segundo asegura, hai xente que cre que «foi cuestión de sorte, o efecto Pontón ou que marchou a riada». El non cre nas casualidades, «todo isto foi froito da combatividade social e de estar aí sempre pelexando».
Suso Vilasánchez e Manuel Agra na pegada de carteis das eleccións da Xunta de Galicia
Durante os seus anos como portavoz do partido, «todo o que recibín do Concello foi doado ao BNG. Non teño medo nin pena por perder». A súa idade foi un dos temas centrais da entrevista e, como non, «eu son dunha xeración, aínda que parecera que non, un pouco grandiña, na que para min militar no BNG era un título».
Suso, recorda con cariño todas esas loitas sociais que viviu durante os seus anos no partido do BNG. «Esta guerra continua social, foi a que nos levantou para arriba, non outras cousas», asegura. Agora o que toca é «analizar».