lunes. 23.06.2025

Chega ao Parlamento a situación crítica da pediatría no centro de saúde do Barco

Tanto o Bloque Nacionalista Galego como o Partido Socialista de Ourense, presentarán unha proposta non de lei e unha pregunta oral no Parlamento Galego
somoscomarca_20241113_obarco_divinapastora_pediatra95

Tanto o Bloque Nacionalista Galego como o Partido Socialista de Ourense, presentarán unha proposta non de lei e unha pregunta oral no Parlamento Galego sobre a falta de médicos de atención primaria no Concello do Barco de Valdeorras. 

PSOE Ourense plantexa a súa proposta

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de denunciar no Parlamento de Galicia a grave situación que atravesa o centro de saúde do Barco, que dende outubro quedou sen pediatras tras a xubilación do único profesional que atendía a máis de 2.000 nenos e nenas do municipio. A formación socialista esíxelle ao goberno galego que «garanta a calidade asistencial», repoñendo as dúas prazas de pediatría asignadas ao centro.

En una nota de prensa, a deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta informa de que presentou unha proposición non de lei para instar á Xunta a resolver esta problemática. Ademais, preguntará en comisión «cando ten previsto a Xunta solucionar esta situación» e destacará a urxencia de «facilitar a chegada de profesionais sanitarios á comarca de Valdeorras».

Rodríguez Dacosta subliña que esta situación non é nova e que foi advertida en múltiples ocasións. «En xuño de 2022, o centro contaba con dúas consultas de pediatría, pero xa naquela altura un dos pediatras xubilouse, e a praza foi cuberta provisionalmente por unha médica de familia con formación en puericultura», explicou. Porén, a situación empeorou a comezos de 2024, cando esta profesional abandonou a praza, quedando só unha consulta operativa.

Finalmente, coa xubilación do último pediatra en outubro de 2024, o centro de saúde quedou sen ningún especialista en pediatría. «As familias atópanse nunha situación límite, sen acceso a unha atención sanitaria adecuada para os seus fillos e fillas», destacou a parlamentaria.

Falta de planificación do Sergas

A deputada socialista lembrou que en marzo de 2024, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a adxudicación dunha praza de pediatría para o centro do Barco, pero o profesional asignado renunciou, deixando a praza vacante. Esta falta de previsión e planificación, denuncia Rodríguez Dacosta, «é responsabilidade directa do goberno galego».

«A situación foi comunicada en repetidas ocasións ao Sergas, alertando sobre as consecuencias da xubilación inminente do pediatra, pero non se adoptaron medidas», lamentou a deputada.

Nos últimos meses, as familias de O Barco mobilizáronse para esixir solucións inmediatas. Concentracións e protestas marcaron as semanas recentes, mentres os socialistas piden ao goberno galego que repoña as dúas prazas de pediatría do centro de saúde e garanta unha atención sanitaria de calidade para a infancia do municipio.

«Non se pode seguir xogando coa saúde das crianzas. É imprescindible unha solución urxente que devolva a confianza das familias na sanidade pública e na atención primaria en Valdeorras», concluíu Rodríguez Dacosta.

O BNG tamén fará unha proposta

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de presentar unha proposición non de lei e unha pregunta para resposta oral no Parlamento de Galicia, alertando sobre a grave situación sanitaria que afecta ao distrito sanitario de Valdeorras pola falta de especialistas en pediatría. A iniciativa foi impulsada polos deputados Secundino Fernández Fernández e Montserrat Prado Cores, quen destacan a urxencia de garantir unha atención sanitaria de calidade para as nenas e nenos da comarca.

Na proposición non de lei, o BNG insta ao goberno galego a tomar medidas inmediatas para:

  • Garantir unha atención pediátrica permanente en atención primaria para os menores do distrito sanitario de Valdeorras.
  • Cubrir as prazas de pediatría vacantes no centro de saúde do Barco de Valdeorras con profesionais especializados.

Así mesmo, na súa pregunta para resposta oral no Pleno, os deputados cuestionan se a Xunta ten previsto tomar accións concretas para resolver este problema que compromete a atención sanitaria infantil na comarca.

Chega ao Parlamento a situación crítica da pediatría no centro de saúde do Barco