viernes. 11.07.2025

Merelles: «Hai un compromiso persoal para promover o despegue turístico en Valdeorras»

O integrante da candidatura do PP por Ourense ao Parlamento de Galicia mantivo un almorzo  informativo cos medios de comunicación no que fixo balance da campaña e intercambiou impresións cos  invitados á mesa.
portada merelles cafe
Merelles: «Hai un compromiso persoal para promover o despegue turístico en Valdeorras»

Xosé Manuel Merelles, candidato dos populares de Ourense ao Parlamento de Galicia, finalizou a súa campaña en Valdeorras mantendo un almorzo informativo cos principais representantes dos medios de comunicación emprazados na zona, no que quixo «reforzar as mensaxes do Partido Popular na campaña».

somoscomarca_240213_obarco_merelles_desayunoinformativo_pazodocastro (1)

Agradeceu a presenza da prensa local nos actos políticos, «por estar ao carón durante a campaña e reforzar a mensaxe do Partido Popular». Asegurou o compromiso firme dos populares  coas infraestruturas. «Non deixaremos de traballar, de solicitar e de estar detrás do Goberno central para que atenda as necesidades de comunicación que ten a comarca de Valdeorras».

Fixo un repaso das diferentes propostas do programa do seu partido: promoción económica e industrial, servizos sociais e sanidade, dinamización comercial, emprendemento, posta en valor do sector primario ou creación e defensa de postos de traballo, entre outros.

Detívose no potencial turístico da zona, en especial no Camiño de Inverno do que destacou que é unha fonte de dinamización, riqueza e cultura. O enoturismo, o turismo de natureza, a gastronomía ou as covas foron outros puntos a destacar respecto ao turismo.

O que ata hai pouco foi director da Axencia Turismo de Galicia —cargo do que, precisamente, cesou para integrarse na lista do PP provincial—, comprometeuse a traballar por Valdeorras «con cabeza» e «por suposto, sempre, dende o corazón».

Infraestruturas e vías de comunicación

No referente as vías de comunicacións de Valdeorras, centrouse na N-120, a cal precisa «arraxo e rehabilitación» e na A-76 «na que hai que poñerse a traballar xa». Destacou o compromiso co ferrocarril que «está desmantelado desde despois da pandemia e no que se reduciron servizos».

Puxo enriba da mesa as obras que se están realizando na rede ferroviaria entre Monforte e Ourense que son «un atranco máis para os valdeorreses», ou o «axeitamento da OU-533 para que estea mellor comunicada coa Gudiña e porén  co AVE.

somoscomarca_240213_obarco_merelles_desayunoinformativo_pazodocastro (3)
Xosé Manuel Merelles nun momento do almorzo

Abondou en que, «a Xunta si está a cumprir os seus compromisos no ámbito das infraestruturas dentro das súas competencias e proximamente vaise mellorar a estrada que conecta A Rúa coa Gudiña para optimizar a conexión dos habitantes da comarca coa A-52 e coa estación do AVE».

Tecido Industrial  

Subliñou o compromiso do Partido Popular do tecido industrial da comarca  «a través dos grandes eixos produtivos que son a louxa e a minería e tamén os seus transformados».  Asemade, sinalou que desde o seu partido, vaise apostar por xerar máis sinerxías entre os tecidos industrial e comercial e  un compromiso cos traballadores e autónomos».

Repasou algunhas das propostas do programa do PP para lograr que «Valdeorras despegue de xeito definitivo» en diferentes eidos —promoción económica e industrial, servizos sociais e sanidade, dinamización comercial, emprendemento, posta en valor do sector primario ou creación e defensa de postos de traballo, entre outros—.

Compromiso co despegue turístico da comarca

Destacou a vontade do PP por fortalecer a comarca «como destino turístico preferente no interior de Galicia» e fortalecer o seu posicionamento a través dos numerosos recursos cos que conta a zona: patrimonio natural, patrimonio monumental, legado etnográfico ligado á cultura do viño —as covas e os lagares—, enogastronomía, activos industriais, Camiño de Inverno ou legado e tradicións inmateriais como os entroidos, entre moitos outros.

Prestou especial atención ao Camiño de Inverno do que resaltou que necesita máis promoción, servicios e asociacionismo e que se vai traballar a arreo para dotalo da infraestruturas que merece.

«En Valdeorras temos potencial e cómpre dotar ao sector turístico de recursos para que se poidan crear rutas ou circuítos a través dos que os visitantes poidan combinar degustacións nas adegas, coñecemento das covas ou lagares, desprazamento ata os viñedos e paisaxes máis emblemáticas nas que se produce o noso viño, coñecemento da restauración e dos produtos gastronómicos autóctonos», sinalou o candidato popular.

Case que unha hora de conversa cos medios de comunicación na que tamén se falou do mitin do candidato á presidencia, Alfonso Rueda, do sentir dos valdeorreses e até de anécdotas de cando o actual candidato exerceu de xornalista na comarca.

Merelles: «Hai un compromiso persoal para promover o despegue turístico en Valdeorras»