O CEIP Julio Gurriarán do Barco de Valdeorras comeza hoxe, 31 de xaneiro, a súa participación no programa "21 días co galego", unha iniciativa promovida pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a través dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega. Esta iniciativa, que leva varios anos desenvolvéndose en Galicia, busca fomentar o uso do galego entre o alumnado de diferentes niveis educativos.
Nacho Hermida, xefe de estudos e coordinador desta acción no colexio Julio Gurriarán (O Barco), destaca que «é unha actividade que leva uns cantos anos traballándose en Galicia, cada ano participan 10 centros. Nos seus inicios eran os IES pero agora acolle tamén a colexios de educación infantil e primaria».
O programa inclúe unha variedade de actividades deseñadas para promover o uso do galego de maneira lúdica e educativa. Entre elas, o colexio leva meses preparando vídeos didácticos realizados polos propios alumnos, que serán compartidos tanto na páxina oficial do programa como nas redes sociais do centro. Ademais, o centro está decorado con bandeiras de Galicia para ambientar a celebración.
Unha das actividades máis destacadas será un taller de regueifas programado para o próximo luns, seguido dun contacontos en galego o 13 de febreiro. O 18 de febreiro, está prevista unha conexión en directo cun colexio de Caracas, Venezuela, que imparte ensinanzas en galego en liña.
Esta iniciativa, coordinada por Manoli, responsable dos Equipos de Dinamización da Lingua de Ourense, busca establecer un intercambio cultural e lingüístico entre ambos os centros. Nacho asegura que os alumnos están sorprendidos: «Dicen que alí solo falan o castelán».
Ademais, subliña a importancia deste tipo de programas, especialmente en zonas onde existe unha certa diglosia co galego: «É moi satisfactorio e e divertido. Creo que non está de máis unhas actividades deste tipo».
Entre as propostas do CEIP Julio Gurriarán, destaca a elaboración dun vídeo sobre as avespas alfareiras, tamén coñecidas como eumeninos (Eumeninae). Estas avespas constrúen niños de barro con forma de ola ou cazola, o que lles valeu o seu nome común.
O programa rematará cunha reunión en Santiago de Compostela no mes de marzo, onde unha selección de alumnos presentará as actividades realizadas durante estes 21 días, poñendo o colofón a esta enriquecedora experiencia educativa.