O Barco acollerá o 27 de novembro as probas presenciais para conseguir o nivel intermedio do Certificado Galego de Competencias Dixitais (COMDIX). O exame terá lugar ás 10.00 horas na Aula Cemit, situada no segundo andar do Edificio Multiusos do Concello, e conta cun total de 12 prazas dispoñibles.
A convocatoria foi publicada no Diario Oficial de Galicia este luns, 13 de outubro, e o prazo de inscrición permanece aberto desde o xoves ata o 27 de outubro na web da Rede Cemit (https://cemit.xunta.gal). No caso de que se presenten máis de 12 solicitudes, o 28 de outubro realizarase un sorteo entre as persoas interesadas. A listaxe provisional de admitidos e reservas publicarase na web entre un e dous días despois, e tamén se comunicará por correo electrónico a cada participante.
A inscrición está aberta a toda a cidadanía maior de 16 anos, sen ningún outro requisito previo. Para aquelas persoas que desexen reforzar os seus coñecementos antes da proba, a Xunta de Galicia ofrece formación gratuíta en competencias dixitais a través da plataforma da Rede Cemit.
O COMDIX é o Certificado Galego de Competencias Dixitais promovido pola Xunta, que acredita o nivel dunha persoa no uso das tecnoloxías dixitais. A proba consiste nun exame de entre 60 e 70 preguntas tipo test, das que é necesario acertar polo menos o 70 % para superar o nivel.
Este certificado permite demostrar ante empresas, administracións ou outras entidades a capacidade de manexar ferramentas dixitais de maneira eficaz, algo que pode facilitar o acceso a novas oportunidades laborais ou formativas.