jueves. 28.03.2024
A Xunta traballa no desenvolmemento do polígono agroforestal de Larouco

A Xunta traballa no desenvolvemento de nove polígonos agroforestais na provincia de Ourense. Deles, sete están xa iniciados -nos concellos de Oímbra, Cualedro, A Arnoia, Leiro, Riós, Monterrei e Paderne de Allariz- e dous atópanse en fase de actuacións previas, nos municipios de Larouco e Castrelo de Miño. Unha vez rematados, suporán a mobilización, en conxunto, de máis de 600 hectáreas na provincia.

O conselleiro, de Medio Rural, José González, sinalou que estas iniciativas póñense en marcha en aplicación da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, co fin de recuperar grandes espazos produtivos segundo o tipo de cultivo máis acaído ou de maior tradición en cada zona. O obxectivo destas iniciativas, tal como detallou José González, é dinamizar o territorio e xerar actividade económica. Isto, para facilitar que siga sendo posible vivir no e do rural e para anticiparse aos lumes, evitando que se rexistren ou, en todo caso, para minorar o seus efectos, salientou o conselleiro.

Os polígonos agroforestais céntranse en potenciar os tres usos do chan -agrario, gandeiro ou forestal-. A iniciativa pode ser da Administración ou de particulares, requirindo o acordo de propietarios (ou representantes dos dereitos de uso) de cando menos o 70% da superficie do perímetro do proxecto.

En concreto, o polígono agroforestal de Freixido está proxectado nun total de 1.227 parcelas pertencentes a 517 propietarios. Tal e como está concibido e solicitado polo Concello de Larouco, destinaríase a cultivos leñosos, concretamente, á plantación de vides, cerdeiras e castiñeiros.

Así mesmo, a norma establece que cos polígonos poderanse producir cambios de titularidade por compravendas ligadas á posta en marcha do proxecto e tamén contratos de arrendamento entre os propietarios e os interesados en poñer a producir esas terras.

Ademais dos polígonos, a Xunta aposta, no marco da devandita lei, por outras figuras para recuperar e valorizar a terra agraria, entres as que cómpre destacar dúas: as aldeas modelo, que pretenden recuperar as contornas de núcleos de poboación, e as agrupacións de xestión conxunta, que buscan unha xestión sustentable e eficiente dos terreos agroforestais, co fin de recuperalos e poñelos en valor, remarcou González.

A Xunta traballa no desenvolmemento do polígono agroforestal de Larouco