O Concello de Larouco acollerá este venres a xornada «Zona Cero da reflexión científica e cidadá sobre os incendios forestais», unha iniciativa organizada xunto coa Universidade de Vigo e o grupo ECOBAS, que pretende analizar as consecuencias do gran lume que arrasou a comarca no verán de 2022, o maior rexistrado en Galicia.
A alcaldesa, Patricia Lamela, explicou en Radio Valdeorras – Onda Cero que a idea naceu «da unión e do traballo conxunto co Concello de San Xoán de Río e coa Universidade de Vigo», e que o obxectivo é «crear un punto de inflexión e reflexionar entre todos para que isto non volva a repetirse».
Lamela destacou que a cita abordará tanto os impactos ambientais —especialmente no solo e na auga— como os efectos sociais e emocionais sufridos pola veciñanza: «O estrés e os malos momentos vividos tamén contan; eu, o día 14 de agosto, non poderei esquecer os berros das miñas veciñas».
A rexedora lembrou ademais a recente participación de Larouco e San Xoán de Río no Parlamento Rural Europeo en Escocia, onde puideron compartir experiencias con outros territorios que sofren problemáticas semellantes no ámbito rural. «Foi un lugar de encontro con países como Portugal, Rumanía ou Italia, que teñen as mesmas dificultades co abastecemento e cos servizos básicos», sinalou.
Lamela reivindicou o orgullo de vivir e traballar no rural, e avanzou que o Concello continuará impulsando proxectos conxuntos e actividades sociais, deportivas e culturais. Ademais, antes de rematar o ano, organizarán unha xuntanza veciñal de prevención fronte aos incendios, para coordinar actuacións e mellorar a resposta ante posibles emerxencias.
«O cambio climático está aí e o que levamos feito non serve. Hai que buscar novas solucións a longo prazo, porque se non isto volverá ocorrer», concluiu a alcaldesa, lembrando que só desde a cooperación e a planificación colectiva se poderá protexer o territorio e preservar a vida no rural para as xeracións futuras.

