sábado. 03.06.2023

O Proxecto Lugares propón actuacións sostibles na paisaxe no Camiño de Inverno

As e os participantes do taller realizado esta semana nas covas de Seadur sinalan a posta en valor do patrimonio intanxible e a preservación da biodiversidade como criterios fundamentais á hora de promover actuacións sostibles na paisaxe no Camiño de Inverno.

As covas de Seadur acolleron esta tarde o peche do taller do Proxecto Lugares, a iniciativa de pensamento, aprendizaxe e investigación na paisaxe impulsada pola Xunta de Galicia e a Fundación “La Caixa” coa intención de deseñar novas intervencións sostibles no espazo público do Camiño de Santiago a través do cruzamento entre diversas disciplinas, como son a arquitectura, a paisaxe, o deseño e a artesanía. 

Arquitectas, paisaxistas, deseñadoras e artesás, da man da comunidade local, sentaron os vimbios dun prototipo que se poderá replicar noutros lugares coa intención de favorecer  a creación de espazos de descanso e encontro entre veciñanza e peregrinas.

somoscomarca_seadur_proxectolugares_2023419 (1)
somoscomarca_seadur_proxectolugares_2023419 (1)

A comisaria do Proxecto Lugares, Natalia Balseiro, salienta o potencial dun proceso participado e colaborativo que conectou, esta semana, a profesionais de diversas disciplinas do ámbito galego e estatal coa veciñanza de Palas de Rei e Larouco.

A rexeneración da vexetación de ribeira, a reactivación e visualización de espazos de actividade xunto ao Camiño, o uso e recuperación de materiais de proximidade para a realización de estruturas naturais ou a atención ás necesidades da veciñanza son algunhas das propostas que sitúan tanto a comunidade local como as visitantes e peregrinas no foco das actuacións.

somoscomarca_seadur_proxectolugares_2023419 (4)
A alcaldesa de Larouco, Patricia Lamelas

As e os participantes no taller, un grupo de vinte persoas conformado por profesionais e axentes da comunidade local, sentaron os vimbios das estratexias, criterios e actuacións que se poderán aplicar en futuras intervencións que se realicen no Camiño de Santiago ao seu paso polas comarcas da Ulloa e de Valdeorras, así como noutros lugares do país. O grupo exemplificou a súa proposta nun prototipo ou maqueta -que se podería materializar de diversas formas- e que recolle tanto as necesidades trasladadas pola xente que habita o territorio e a peregrina -tanto durante o proceso de mediación realizado desde o pasado mes de febreiro coma nas visitas e encontros con axentes locais realizados estes días-, e as boas prácticas e conclusións extraídas do seminario realizado os pasados martes 18 e mércores 19 en Palas de Rei.

somoscomarca_proxectolugares_seadur_pumares_camiñoinverno_2023430 (4)
O grupo facendo o Camiño de inverno desde Pumares

Deste xeito, o Proxecto Lugares propón, desde unha mirada transdisciplinar, solucións a través da activación de dous eixes temáticos: o sociocultural -a visualización do patrimonio local tanxible e intanxible dos lugares, para vincular os valores da zona á ruta xacobea- e o natural -a preservación e promoción da biodiversidade, a recuperación e introdución de especies para revitalizar o Camiño-. De cara ao desenvolvemento destes dous eixes principais, as e os participantes do taller estableceron unha serie de accións ou criterios para poder favorecer a súa posta en marcha. É o caso da promoción da interacción social -a través de espazos de actividade, encontro e goce entre veciñanza e visitantes- ou do impulso do equilibrio da contorna - coa redución do emprego de recursos e enerxía e o uso de materiais naturais ou de baixo impacto-, por exemplo.

somoscomarca_seadur_proxectolugares_2023419 (11)
Tres das participantes en Proxecto Lugares

Durante a presentación das conclusións, nas que participou a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, a comisaria do Proxecto Lugares, Natalia Balseiro, salientou o potencial do proceso, “que recolle unha ollada integradora, coidadora e diversa; ateigada de sensibilidades e memoria, que olla cara á biodiversidade dos hábitats locais, cara ao seu patrimonio material e inmaterial, natural e femenino; e, por riba de todas as cousas, olla cara ás necesidades da veciñanza”.

somoscomarca_proxectolugares_seadur_pumares_camiñoinverno_2023430 (6)
Foto de familia en Seadur durante a visita do delegado da Xunta, Gabriel Alén

«Grazas ao debate, á reflexión e ás conversas, fomos de quen de poñer en relación o Camiño coas oportunidades existentes nos territorios polos que discorre. Puxemos sobre a mesa a idea de facer rede establecendo relacións entre as comunidades locais e as persoas peregrinas a través de novas intervencións ou da rexeneración doutras existentes. Falouse de poñer ás persoas, e ao resto de seres vivos, no centro. Pero moi especialmente abordouse a necesidade de contar coa veciñanza dun territorio para coñecer e atender as súas necesidades», salienta Balseiro.

somoscomarca_seadur_proxectolugares_2023419 (5)
Natalia Balseiro, directora da iniciativa

Logo da realización do seminario e do taller que conectou a profesionais de diversas disciplinas do ámbito galego e estatal coa veciñanza, o Proxecto Lugares abrirá unha nova fase do proceso, como é a preparación dunha extensa publicación que se presentará despois do verán e que recollerá a experiencia vivida nestes meses.

somoscomarca_seadur_covas_proyectolugares_navacastro_patricialamelas_2023_0419 (4)
Presentación do Proxecto Lugares, en Seadur coa presenza de Nava Castro, directora de Turismo de Galicia

Vídeo das conclusións finais, despedida e peche do O Proxecto Lugares:

 

O Proxecto Lugares propón actuacións sostibles na paisaxe no Camiño de Inverno