viernes. 07.10.2022

Eduardo Ojea plantexou no Parlamento galego posibles solucións ao problema da vivenda

Ojea contrapón o «auténtico fracaso» da Xunta nesta materia cun goberno central que multiplicou por sete os orzamentos para vivenda dende 2018

somoscomarca_eduardoojea_potolo_portada_parlameto_2022
Eduardo Ojea plantexou no Parlamento galego o problema da vivenda

Segundo nota de prensa enviada polo Grupo Parlamentario Socialista, o deputado desta agrupación, Eduardo Ojea , na sesión do Parlamento Galego do 6 de xuño, cualificou de “realmente preocupante” que o presidente da Xunta prefira seguir instalado na “confrontación permanente” co goberno central en lugar de buscar solucións aos problemas de vivenda dos galegos e galegas. Así o manifestou na Comisión de Ordenación Territorial do Parlamento, onde tamén instou á Xunta a mellorar a escasa execución dos orzamentos autonómicos destinados á vivenda e a mellorar a información aos posibles beneficiarios das iniciativas postas en marcha polo Estado.

“Non é un tema menor”, subliñou, tendo en conta que o alugueiro en Galicia é case un 21% maior que no 2015 e case un 40% dos salarios se vai nese alugueiro. Polo tanto, a vivenda “é un dos principais problemas para a poboación galega”, sentenciou.

Todo isto, afondou, sucede nun contexto no que Galicia se atopa “no rango crítico de concellos de menos de 10 mil habitantes”, xa que hai 257 municipios (o 82% do total) que están por debaixo desta cifra de poboación. A situación é aínda máis preocupante nas provincias de Lugo e Ourense, que é onde máis se nota o desarraigo continuado da mocidade co medio rural. Con este reto demográfico, Ojea incidiu na necesidade de que se habiliten axudas directas e que haxa unha discriminación positiva para que a xente moza vexa o rural como unha solución de futuro.

Neste escenario, Eduardo Ojea contrastou a ineficacia das medidas da Xunta co impulso decidido do goberno de España para buscar solucións aos problemas de acceso á vivenda de aqueles cidadáns con menos recursos e a colectivos especialmente vulnerables mediante axudas directas á compra e ao alugueiro. Así, puxo en valor a activación de iniciativas como o Plan estatal de acceso á vivenda 2022-2025.

Dentro deste inclúese o programa de axudas ás persoas mozas para contribuír ao reto demográfico ou o programa de aluguer xove, dos que Galicia recibirá neste ano 19,6 e 11,7 millóns de euros respectivamente. A maiores, afondou en que, con propostas como estas, o goberno do Estado conseguiu multiplicar por sete as cantidades destinadas a vivenda dende o ano 2018.

Fronte a isto, Eduardo Ojea evidenciou que, malia que a Xunta conta con competencias exclusivas nesta materia, “a realidade coa que se atopan os galegos e galegas é que as políticas do goberno galego nos últimos trece anos constitúen un auténtico fracaso”. Para corroboralo incidiu en varios aspectos, como a escasa execución orzamentaria, que  foi de apenas o 56 % do orzamento no ano 2020.

A maiores, lamentou que Galicia ocupa a última posición entre as comunidades autónomas na construción de vivenda protexida en relación a vivenda construída, ten escaso parque de vivenda protexida dedicada ao alugueiro (19 %) e sitúase nos peores postos entre as comunidades autónomas en investimento orzamentario por habitante en vivenda pública con tan so 34,7 euros por habitante. En paralelo, alertou da “considerable minoración orzamentaria” en políticas de vivenda en relación aos gobernos do presidente Touriño.

Eduardo Ojea plantexou no Parlamento galego posibles solucións ao problema da vivenda