A primeira hora da mañá os membros da Asociación A Rabiosa da Portela afanábanse en ter todo listo para os 130 comensais que ían participar nesta primeira edición da Festa do Caldo.
Teresa, Maxi, Odra, Caza, Milucho, entre outros membros da Rabiosa cortaban o xamón para por nas mesas porque o caldo xa estaba feto desde a tarde anterior ca auga de cocer o lacón. As orellas, a pata, o morro e o rabo que acompañou ao primeiro prato. Os chourizos como nos dicía Teresa cocéronse un ratiño antes das dúas da tarde hora na que a xente comezou a sentarse á mesa.
A sobremesa acompañouse con torta de roxóns, bica e licores. Non faltou o bo viño dsa portela etiquetado para a ocasión.
Todo ía ben ata que quentaron o caldo para servilo cando chegaran os comensais e aí xurdiu un percance que algunhas veces tamén nos pasa nas casas, estaba acedado. Os nervios fixeron acto de presenza, non daba tempo a facer de novo o caldo así que resolveron facer sopa de cocido coa auga na que se cocera a carne. De novo outro inconveniente, de onde sacaban tanta pasta? Pois, que fixeron? Todos puxeron da súa parte e foron buscar as súas casas os paquetes de sopa e o que ía ser un traspés foi un acerto grazas ao arrime do ombreiro da organización e a xenerosidade dos veciños.
Magoa de caldo feito con produtos das hortas da Portela, tanto as patacas como as berzas, pero segundo nos aseguraba Milucho da Rabiosa po ano que ven volveran a celebrala.
Despois da comida sorteo de agasallos entre todos os asistentes, doados e feitos por empresas e persoas que quixeron colaborar con esta asociación que se está movendo arreo para poñer á Portela «onde ten que estar». Bicas, licores, viño, gorros feitos por veciñas e até uns calcetíns de lá pura de ovella realizados por un veciño.
Non faltou á cita coa Portela as dúas alcaldesas que gobernan o pobo, a de Petín, Raquel María Bautista Carballo e a de Larouco, Patricia Lamela. Recordar que esta aldea valdeorresa pertence aos dous concellos, o mesmo lle ocorre á veciña parroquia de Freixido.
O tempo acompañou e a comida celebrouse na praza diante a Casa do Pobo, foi por iso que en principio pensaban en 100 persoas como máximo pero ao ser fora puideron incrementar en 30 máis.
Parabéns aos da Rabiosa pola boa organización, por darlle pulo ao pobo e sobre todo por non achantarse ante os problemas e buscarlle unha solución con unidade e valentía.