lunes. 23.06.2025

Adega grande, adega pequecha, ou cara onde sopran os ventos do viño

Dezaoito viños formaron parte do último curso de cata da Ruta do Viño de Valdeorras, no que ademais de explorar as características das uvas da comarca, houbo conversa dabondo sobre a propia denominación, o territorio e o seu futuro.
Vintecinco persoas asistiron á segunda edición do curso »de tal uvo tal viño»
Vinte e cinco persoas asistiron á segunda edición do curso «De tal uva, tal viño»

O viño é cultura, claro. Tamén gastronomía, por suposto. E sofisticación, maridaxes, deseño, relato... Pero non está de máis lembrar de cando en vez que sobre todo é agricultura. Por iso a benvida ofrecida no curso organizado pola Ruta do Viño de Valdeorras a pasada fin de semana non podía ser máis acaída. Acios de uva dispostos a modo da altar, para que quedase claro o obxectivo da cata: identificar no froito o que despois se expresa no viño.

O curso De tal uva, tal viño cumpría a súa segunda edición e desta vez as prazas esgotáranse incluso antes. «Por aprender», «porque me gusta o viño», «por facer algo diferente» ou «porque son viticultora de toda a vida e nunca antes fora a un curso de cata» foron algunhas das respostas que recibiu Jorge Mazaira —director técnico do Consello Regulador da DO Valdeorras e formador para este evento—  ao testar as expectativas da sala. Así que público variado, chegado da propia comarca pero tamén de Santiago, Coruña, O Bierzo... e con idades moi diferentes. Menos alérxicos ó sulfuroso había de todo. E isto último, non está contrastado.

Pero é que precisamente esa é a idea que pretenden dende a Ruta do Viño, facer do enoturismo unha actividade apta para tódolos públicos, expertos ou non, bebedores ou non. Xa que a paisaxe, a cultura e a idiosincrasia valdeorresa enténdese mellor dende a viña. Cristina Núñez, responsable do colectivo destacou que dende o ano pasado incorporaron unha segunda xornada no curso para visitar viñedos e os lagares rupestres de Larouco, percorrido ao que este ano sumaron unha parada na adega da Cova da Xabreira, en Seadur. «Antes o curso era só a xornada de formación pero hai que pisar territorio e así tamén incentivamos que a xente pase aquí a fin de semana».

E que tal vai o enoturismo? Ben, grazas. Este verán houbo adegas con visitas case tódolos días, inauguracións con moito impacto como o da propia Xabreira, e por fin en Valdeorras xa podemos deixar de falar do potencial do enoturismo para referirnos a el como un sector vivo e cunha oferta en crecemento.

Tres adegas novas e xa son corenta e dúas

O curso de cata, ademais de como formación, serviu para falar da situación da Denominación de Orixe, de como se ten transformado e cara onde pode ir o sector. Dábase a circunstancia de que entre o público había viticultoras, viveiristas, adegueiros, enólogas, químicas e algún enxeñeiro, así que era o escenario ideal para cambiar o mundo. Ou polo menos debatilo.

Así que entre cata de bagazo, análise de semente, identificación de aromas, niveis de astrinxencia e untuosidades varias, Jorge Mazaira explicou como a reestruturación do viñedo e a tecnificación nas adegas provocara certa homoxeneización nos viños, algo superado na actualidade grazas á aposta das adegas por potenciar as características do terruño. «Hai seis mil parcelas dentro do Consello e nalgunhas hai dous ou tres tipos de chan moi definidos, temos unha xeoloxía moi variada nun espazo pequeno así que as posibilidades son moitísimas», destacou. A pizarra maioritaria, os solos graníticos do Bolo e Larouco, os afloramentos calizos de Rubiá, os terreos de arxila... esa variedade xeolóxica está e nos viños nótase, se na adega lle deixan, claro.

E se potenciar o terruño e facer viños que se diferencien é un debate resolto, agora interesa a dualidade que se vive na Denominación, con grandes grupos vitícolas adquirindo as mellores parcelas e plantando hectáreas de viñedo, como é o caso de Cune dende Virxen de Galir, en Éntoma, ou Pago de los Capellanes, en Seadur. Un desembarco que refrenda a calidade do godello de Valdeorras pero tamén descarta o posible relevo xeracional en familias tradicionais con viñedo.

Que posibilidades quedan nesta tendencia para proxectos pequenos, familiares, que fixen poboación no territorio? Preguntábanse dende o público. Pois debe habelas xa que este ano déronse de alta no Consello Regulador tres novas adegas, sendo xa corenta e dúas as que elaboran baixo o amparo da DO Valdeorras.

A viticultura, unha paixón con riscos

Realmente, para ser un curso de cata, foi soprendente o moito que se falou de viticultura durante toda a fin de semana. «Isto ten que ser unha paixón», destacaba Mazaira ó inicio, ilustrando esa idea coas dificultades que a climatoloxía estaba engadindo á xa de por si estresante vendima.

Os primeiros quince días foron excelentes, pero os viticultores que agardaron para mellorar a madurez atópanse agora con importantes dilemas e gastos engadidos para resolver unha colleita que por outro lado é xa máis abundante que a do ano pasado con máis de seis millóns de quilos de uva recollidos. E o que máis aumentou é a godello, debido a esas novas plantacións que en moitos casos recuperan terreos ocupados por viñedos no pasado.

Esas novas plantacións, e as que se agardan co plan de desenvolvemento de polígonos agrarios promovido pola Xunta, son maioritariamente de godello pero os tintos resisten e representan o 40% da superficie, o que para Mazaira é un valor de futuro: «As modas dos viños cambian e está ben non apostar todo a unha única variedade, somos a denominación galega máis diversificada e iso danos capacidade de reacción».

Iso si, agora hai que facer tintos que aguanten un mercado máis esixente e niso parece que as variedades autóctonas como a garnacha tintoreira, a sousón ou a brancellao, despuntan como as aliadas perfectas da mencía para facer viños con crianza e incluso reserva, xa incluídos nos estatutos do Consello para estar listos ante o que poida estar ideándose nas adegas. Pero claro, iso será nuns anos, porque é o que ten o viño, reserva ou non, quen manda é o tempo.

Adega grande, adega pequecha, ou cara onde sopran os ventos do viño