sábado. 14.03.2026

O Barco alza a voz pola paz en Oriente Medio

Decenas de persoas concentráronse na praza do Concello para reclamar o fin da guerra e denunciar o xenocidio en Gaza nun acto incluído no primeiro Día Nacional de Acción pola Paz
somoscomarca_obarco_concentracion_nonaguerra

A praza do Concello do Barco de Valdeorras acolleu na mañá deste 14 de marzo unha concentración de repulsa contra a guerra en Oriente Medio, nun acto que reuniu a ducias de persoas para reclamar o fin da violencia e defender unha paz xusta e duradeira na rexión.

Entre as persoas asistentes atopábanse o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, o concelleiro de Política Social do Barco, Orlando Saavedra, así como a voceira do PSOE en Rubiá, Raquel Méndez, xunto a veciños e veciñas que quixeron sumarse a esta convocatoria pola paz.

O acto foi presentado por Enrique Tato, quen explicou que a concentración do Barco formaba parte dunha mobilización moito máis ampla que se desenvolveu simultaneamente en numerosas localidades. «Somos unhas 150 concentracións que se están a celebrar en todo o país para este primeiro Día Nacional de Acción convocado por Parar a Guerra», sinalou.

Durante a súa intervención lembrou tamén a orixe desta plataforma cidadá, creada tras o estalido do conflito. «Parar a Guerra fundouse en outubro de 2023 cun manifesto de denuncia do xenocidio en Palestina e sinalando como principais responsables aos gobernos de Israel e Estados Unidos».

Tato quixo deixar clara a posición da organización ante o conflito. «Deixamos clara a nosa posición: nin terrorismo nin xenocidio». Segundo explicou, xa no primeiro manifesto advertían do risco que supuña a escalada de violencia para a estabilidade internacional. «Afirmabamos que o ataque a Palestina poñía en perigo a paz na rexión e tamén a paz mundial, e comprometémonos a non parar ata deter a guerra».

Por iso, indicou, a xornada deste 14 de marzo convocouse como primeiro Día Nacional de Acción pola Paz en Oriente Medio, co obxectivo de denunciar a escalada militar e as súas consecuencias. «Defender hoxe a paz en Oriente Medio tamén significa defender a paz no mundo», afirmou.

Tato destacou ademais o amplo apoio recibido pola iniciativa. «Este día conta co apoio de 196 organizacións e 204 persoas de todos os sectores profesionais, orixes ideolóxicas e xeracións que asinaron o manifesto».

Lectura do manifesto

Tras a súa intervención, Aurora Alonso, rodeada por unha bandeira palestina, foi a encargada de dar lectura ao manifesto da convocatoria.

No texto denunciáronse os ataques militares e a situación que se vive na rexión. «En Oriente Medio non podemos esquecer Gaza», comezou. 

O manifesto rexeita con contundencia os ataques militares executados por Estados Unidos e Israel contra Irán. «Supoñen unha violación do dereito e da legalidade internacional e constitúen unha grave ameaza para a paz na rexión e para a paz mundial».

Ao mesmo tempo, o texto tamén expresou a condena ao réxime iraniano. «Condenamos con enerxía o réxime criminal dos aiatolás e o asasinato de miles de persoas nos últimos meses».

Durante a lectura quíxose mostrar tamén solidariedade coa cidadanía iraniana. «Todo o noso apoio ao pobo iraniano, especialmente ás mulleres, na súa loita pola democracia e a igualdade».

O manifesto subliñou ademais que ningún conflito pode xustificar a morte de civís. «Nada xustifica os bombardeos de Estados Unidos e Israel nin o asasinato de centos de inocentes».

Finalmente, fixo un chamamento á cidadanía e ás persoas defensoras da democracia para traballar pola paz. «Chamamos ás e aos demócratas a condenar esta agresión, defender o dereito internacional e traballar por unha paz xusta e duradeira en Oriente Medio».

Unha paz que, segundo o manifesto, debe incluír tamén o fin da violencia en Gaza. «Debe incluír o fin do xenocidio en Gaza e o recoñecemento dos dereitos do pobo palestino de acordo coa legalidade internacional».

A concentración do Barco formou parte así dun movemento colectivo que se estendeu por máis de cento cincuenta cidades e vilas de todo o Estado, nunha xornada de mobilización que buscou lembrar que, fronte á guerra, a sociedade tamén pode alzar a súa voz.

O Barco alza a voz pola paz en Oriente Medio