sábado. 14.03.2026

O caldo que quenta a Portela

A festa organizada pola asociación A Rabiosa reuniu arredor de 200 persoas nunha mañá de frío e chuvia que non impediu gozar da tradición e da boa mesa

A Festa do Caldo da Portela reuniu arredor de 200 persoas nunha mañá na que a chuvia e o frío fixeron acto de presenza. Lonxe de deslucir o encontro, o tempo convidou a xuntarse arredor dun prato quente e contundente que cada ano convoca veciños, amigos e visitantes.A festa gastronómica da Portela vai pola cuarta edición.

somoscomarca_aportela_festadicaldo29
Jose «Caza», remexendo o caldo

«Podería haber máis persoas, pero o día está un pouco chuvioso; se non, chegabamos a algo máis», explicaba Sandra, presidenta da Asociación A Rabiosa da Portela, entidade encargada da organización do evento.

O caldo, auténtico protagonista da xornada, preparouse con abundancia e seguindo a receita tradicional. «Cocéronse dous cestos cheos, cheos, cheos de berzas ben picadiñas», contou Sandra.

somoscomarca_aportela_festadicaldo25
a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela e o tenente de alcalde de petín, Amancio Díaz, tamén na celebración

Pero para que un caldo sexa realmente saboroso non abondan as berzas. Na Portela saben ben que o segredo está tamén na carne de cocho. Así, na pota cocéronse 20 quilos de orella, 20 quilos de pata, outros tantos de morro, 40 quilos de lacón e 200 chourizos, ingredientes que deron como resultado un caldo contundente e saboroso do que os comensais deron boa conta.

somoscomarca_aportela_festadicaldo21

Despois do prato principal chegou a sobremesa, tamén moi ligada á tradición da zona. Na mesa non faltaron torta de roxóns con noces, pastas, café e os inevitables chupitos, que puxeron o broche doce a unha comida compartida.

somoscomarca_aportela_festadicaldo23

A música tampouco faltou na xornada. Tras o xantar, moitos dos asistentes animáronse a botar algún baile, unha forma perfecta de baixar a comida e alongar o ambiente festivo.

Mirando xa ao verán

A Asociación A Rabiosa da Portela xa pensa nas próximas actividades. Entre elas destaca a exposición de cadros ao aire libre, unha iniciativa que cada ano transforma as rúas do lugar nunha singular sala de exposicións aberta.

Ao mesmo tempo, a entidade traballa tamén na organización da festa de agosto, unha cita xa consolidada no calendario local. «Xa está encamiñada», sinala Sandra desde a asociación, deixando claro que na Portela as ganas de celebrar e manter vivas as tradicións non dependen do tempo nin do frío.

Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado

O caldo que quenta a Portela