Onte era Santiago. As casas cheas, a praza ateigada e ata a igrexa quedou pequena, a praza non digamos. Hoxe xa non. Hoxe é San Xoaquín e Santa Ana, e para moitos petineses este é o verdadeiro día da festa.
Na misa e na procesión hai menos xente. Moitos visitantes xa volveron para as súas casas. Na praza quedan os veciños, os familiares que decidiron quedar un día máis e os amigos que nunca marchan antes de tempo. E, quizais, esa sexa a mellor parte das festas.
Porque xa non importa se na mesa hai sobras ou, como di a miña tía Maruja, «retales». Unha ensalada da horta cun bo tomate, un anaco de empanada e unha sobremesa compartida saben distinto cando non hai présa por marchar nin obriga de impresionar a ninguén.
Petín viviu este domingo un día máis pausado, deses nos que a festa recupera o seu ritmo de sempre. A charanga Caliqueños puxo a música desde primeira hora da mañá, percorrendo as rúas e deténdose diante dalgunha porta, como se fixo toda a vida, facendo saír á xente ás ventás e lembrando que a festa tamén se leva ás casas.
A celebración despedirase este domingo coa sesión vermú acompañada pola propia charanga Caliqueños e coa actuación de La Oca Band, que animará tanto a sesión de tarde como a verbena da noite.
O día dos avós
O 26 de xullo tamén é o Día dos Avós, unha celebración que coincide coa festividade de San Xoaquín e Santa Ana, os pais da Virxe María e, segundo a tradición cristiá, os avós de Xesús.
Quizais por iso non exista unha data mellor para agradecerlles todo o que deixan sen facer ruído. Son os que gardan as historias da familia, os que esperan sen mirar o reloxo, os que poñen un prato máis na mesa por se alguén aparece e os que fan sentir que sempre hai unha casa á que volver.
Nas aldeas, e tamén en Petín, hai festas que non se entenden sen eles. Porque, ao final, son quen mellor sabe que a felicidade adoita parecerse moito a unha mesa compartida, unha conversa longa e un día máis ao lado da familia.
