martes. 28.07.2026

A mocidade colle a remuda para manter viva a festa de San Vítor en Portomourisco

Tres veciños organizan por primeira vez as celebracións cun programa que combina tradición, música, actividades para todas as idades e a proxección do documental «Santoalla»
portada_somoscomarca_portomouriscpo_festasdesanvitor_comisiondefestas

Portomourisco, unha pequena aldea do concello de Petín situada á beira do río Xares e no antigo camiño de peregrinación ás Ermidas, vive desde este martes as súas festas na honra de San Vítor. Detrás da organización atópase unha nova comisión formada por Mónica Ausín García, Alba Estevez González e Víctor García Fariñas, tres mozos que este ano decidiron asumir por primeira vez o reto de organizar unhas celebracións co obxectivo de manter viva unha tradición moi arraigada na localidade.

somoscomarca_portomouriscpo_festasdesanvitor
Mónica, Alba e Victor ao pé da imaxe de San Vítor no exterior do lateral da igrexa

«Este é o primeiro ano que decidimos coller nós os mandos para ver se impulsamos un pouco o pobo», explican. Durante meses percorreron as casas da aldea solicitando a colaboración da veciñanza, unha resposta que, aseguran, foi moi positiva. «Os veciños portáronse moi ben e colaboraron moito. Levou traballo, pero foi máis doado grazas a eles», sinalan.

somoscomarca_portomourisco_sanvitor_fiesta (1)
Pepi, os integrantes da comisión e a banda de gaitas A Raiola

A programación comezou este martes cos pasarrúas da Banda de Gaitas Raiola do Son por Portela e Portomourisco, seguidos da misa solemne e da procesión na honra do patrón. Pola tarde celebrarase o tradicional campionato de tute e, ás 21.30 horas, actuará José Manuel Follarín, ex cantante da orquestra París de Noia, antes da entrega de premios do torneo.

somoscomarca_portomouriscofestasdesanvitor_
Banda de Gaitas A Raiola polas rúas de Portomourisco esta mañá

As festas continuarán o mércores coa Festa da Auga, prevista para as 17.00 horas. Unha actividade que, como destacan os propios organizadores entre risas, «non é só para os pequenos, tamén para os maiores». A xornada rematará coa actuación do solista Luis Ángel, a partir das 21.30 horas.

O peche das celebracións chegará o xoves coa proxección, ás 20.00 horas, do documental «Santoalla», seguida dunha degustación de petiscos para os asistentes e dunha sesión de disco móbil que porá o broche final ás festas.

somoscomarca_portomourisco_sanvitor_fiesta (1)
Celebración relixiosa

A nova comisión apostou por un cartel pensado para todas as idades, no que conviven actos relixiosos, música, xogos tradicionais e propostas de lecer. «A xente está bastante contenta porque hai actividades tanto para maiores como para pequenos», explican.

somoscomarca_portomourisco_sanvitor_fiesta (2)

E, como non podía ser doutro xeito, lanzan unha invitación a quen queira achegarse estes días a Portomourisco: «Que veñan, porque a festa está asegurada. Somos un pobo pequeno, pero moi acolledor».

Fotos cedidas e redes sociais de PortomouriscoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado

A mocidade colle a remuda para manter viva a festa de San Vítor en Portomourisco