domingo 29/5/22

A Real Academia Galega estrea a serie web documental sobre Florencio

O primeiro dos cinco capítulos de 'Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda' pode verse dende hoxe en academia.gal e a canle de Youtube da RAG

 "Meu Córgomo de Valdeorras", o verso co que arrinca un dos poemas do protagonista do Día das Letras Galegas 2022 dedicado á súa vila natal, dálle título ao episodio de presentación da serie web documental que a Real Academia Galega está a producir sobre o poeta natural de Vilamartín de Valdeorras.

O primeiro dos cinco capítulos de Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda pode verse dende hoxe na páxina web da Real Academia Galega e na canle de Youtube da institución, que estreará un novo episodio cada xoves, tras a Semana Santa e ata a semana previa ao 17 de maio.

"Con este relato audiovisual a Academia pretende achegar a todo o público unha figura destacada do labor literario e do activismo cultural da diáspora coa que trasladamos, por primeira vez dende 1963, o Día das Letras Galegas ás terras valdeorresas e mais ao exilio mexicano", salienta o presidente da institución, Víctor F. Freixanes.

Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda é un proxecto da Real Academia Galega desenvolvido pola produtora Miramemira e a guionista María Yáñez, o mesmo tándem que o ano pasado asinou Xela Arias. A palabra esgazada, a primeira serie documental da institución, que chegou a ser finalista nos XX Premios Mestre Mateo na categoría de mellor serie web. "Con esta proposta a RAG confirma ademais a súa aposta pola expresión audiovisual e as novas voces creadoras", engade o presidente. A serie conta co apoio económico da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación.

"Os cinco capítulos trazan un percorrido pola traxectoria de Florencio Delgado Gurriarán deténdose nos diversos aspectos que compoñen o seu perfil, marcado polas inquedanzas literarias, lingüísticas e políticas, e mais por un forte amor a Galicia, de maneira especial, por Valdeorras, a terra que o viu nacer no ano 1903", resume María Yáñez. A comarca ourensá é o escenario do primeiro capítulo, centrado na faciana máis persoal de Florencio e na súa relación particular coa súa vila natal, Córgomo.

"Os seus familiares retrátano como unha persoa moi sensible e comprometida pero tamén moi alegre, que gustaba do canto, do baile e do viño. A propia familia Delgado Gurriarán dedicábase á viticultura, actividade fundamental nesta comarca, e a outros labores agrícolas", lembra a guionista sobre o poeta que titulou o seu primeiro poemario Bebedeira (1934).

Valdeorras volverá ter un protagonismo especial no último capítulo, que versará sobre a significación especial da lingua galega na obra de Florencio e a súa relación coa comarca. O peche desta narración audiovisual afondará tanto na lingua que empregou, rica en trazos propios da zona, como nos versos que escribiu de marcada crítica sociolingüística.

O capítulo 2 aborda a entrada en contacto de Florencio Delgado Gurriarán co galeguismo, a súa implicación política durante a República e o seu periplo por España, Portugal e Francia durante a guerra civil antes de se exiliar á outra beira do Atlántico. O capítulo 3 céntrase no exilio en México, onde foi un comprometido activista cultural e membro destacado de iniciativas como as revistas Vieiros e Saudade; e o capítulo 4 mergulla o público na voz poética do autor, que lle cantou ao amor, ao erotismo e ás cepeiras pero que tamén cultivou poesía de combate e sátira política.

Voces diversas

O primeiro episodio conta coa intervención do historiador e biógrafo do autor Ricardo Gurriarán; Elva e Teresa Delgado e Lucio Santalla, tamén familiares do poeta; Débora Álvarez Moldes, directora do proxecto As Letras de Florencio; Margarida Pizcueta, filóloga e concelleira de Cultura do Barco de Valdeorras; e o presidente da RAG. Nos vindeiros capítulos a narración da historia de Florencio Delgado Gurriarán seguirá a trazarse coas palabras da cineasta Margarita Ledo, o historiador Ramón Villares, o filólogo Xesús Alonso Montero, e o director do Instituto de Estudos Valdeorreses, Aurelio Blanco Trincado, entre outras voces.

A Real Academia Galega estrea a serie web documental sobre Florencio