
José Luis Foxo, director da Real Banda da Deputación de Ourense, presentou o seu libro «Cancioneiro de Seitura de Manzaneda e Terras de Trives», no Centro Galego de Barcelona ubicado na Rambla de Cataluña. Acompañárono a alcaldesa da Pobra de Trives, Patricia Domínguez, e os alcaldes de Manzaneda, Amable Fernández e o de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez.
«Foi un momento moi bonito. Estaba previsto facelo antes da peste e aquí estivemos», sinalou o director da Real. «Un libro que salva do esquecemento aquelas cantigas, cultura dos nosos antepasados», engadiu.

No acto recordou a Ludidina Pérez Ricoi que segundo o director «foi a mellor cantora da seitura que deu Galicia. Tiven a sorte de gravarlle os cantares, transcribir á música e aí están e ese cancioneiro é eso. Un salvavidas da cultura dos que nos precederon», recalcou Foxo.

O sábado presentaron o cancioneiro no Centro Galego de Barcelona, na Rambla de Cataluña e o domingo na sede da escola de Toxos e Xestas. «Un acto moi emotivo».

«Houbo moita xente a que eu lle ensinei a tocar a gaita, aquí en Barcelona». E, é que Foxo foi mestre e ensinoulle os segredos da gaita a moitos, en Cataluña. En Barcelona precisamente presentou o seu libro «Os segredos da Gaita» en 1982 e desde aquela mantén un «vínculo importante con Barcelona e os galegos de Barcelona».
Ademais da actuación dos 34 membros da Real que se desprazaron a Cataluña, tamén as «cantoras de seitura» de Manzaneda e Pobra de Trives — Blandina, Fiuca e Digna— «fixeron unha actuación brillantísima e a xente emocionouse moitísimo cos seus cantos».

Foxo recibiu unha placa conmemorativa do acto da man da presidenta do Centro Galego de Barcelona Pilar Ansede Balboa. Tamén firmou os libros de aqueles que llo pediron.

Cancioneiro da seitura
Cancioneiro da seitura de Manzaneda e Terras de Trives e un traballo de Xosé Lois Foxo que recolle a herdanza intanxible traducida nos cantos e músicas que predominaban en Manzaneda e na contorna das Terras de Trives. O cancioneiro compila máis de cento oitenta pezas musicais, transcritas e editadas, acompañadas dos seus orixinais en audio e distribuídos nun lapis dixital que acompaña á publicación.

Do Centro Galego ao Liceu
Ao finalizar a presentación do Cancioneiro da Seitura de Manzaneda e Terras de Trives, os membros da Real trasladáronse desde o número 35, onde se ubica o Centro Galego de Barcelona, ao 51 onde se atopa o Liceu para formar parte do espectáculo «Unha xeración. Dous mundos». Fixérono ao son da gaita pola Rambla de Cataluña acompañados por Sons de la Cossetánia de Tarragona.

«A Real Banda estivo aí facendo unha simbiose entre o himno galego e Els segadors, o himno de Catalauña, da revolución dos palleses que salvaron a cultura e a tradición de Cataluña», explica Foxo.
No seguinte vídeo está a entrada da Real no Liceu tocando a Muiñeira de Ponte Sanpaio:
Aínda que estiveron en practicamente nos teatros de todo o mundo como o de Buenos Aires, Montevideo, as Pirámides de Exipto ou a Muralla China, «O Liceu é un dos puntos máis destacados de Europa, ten esa solemnidade», subliña Foxo. «Nos entramos tocando a Muiñeira da Ponte de Sampaio e vimos que a xente vibraba. E alégrome de poder facelo porque os galegos de Barcelona son especiais. Teñen unha sensibilade porque Cataluña ama con intensidade a súa cultura e a súa lingua e son un exemplo para os galegos ». «Foi un momento bonito o entronque do himno de Cataluña co galego, foi marabilloso».
Digna, Fiuca e Blandina tamén cantaron no Liceu os seus cantos da Seitura, das que Foxo significa: «Son xente preparada que souberon transmitir ese cariño de Galicia».

Presentación na Escola de Gaitas Toxos e Xestas
O domingo a mañá a cita estivo na sede da Escola de Gaitas y Danzas Toxos e Xestas no Carrer do Bronze (Barcelona),
Xosé Luís Foxo asinou, exemplares do seu libro ‘Cantos de seitura de Trives e Manzaneda, e estivo acompañado, unha vez máis polos alcaldes de Trives, Manzaneda e San Xoán de Río. Tamén Blandina de Cotarós e Fiuca e Digna de Trives cantaron os seus cantares. A elas uniuse Juan Corzo de Celavente.
A visita finalizou cun brinde con viños doados pola adega Viña Corzo, do Bolo; e por produtos de «alta calidade gastronómica de Hiper Galicia Calidade, como o lacón con grelos».
Escola de Gaitas e Danzas Toxos e Xestas
A Escola de Gaitas e Danzas Toxos e Xestas naceu no ano 1977, cando José Luís Foxo e un grupo de estudantes cheos de ilusión decidiron compartir a súa cultura e por en valor a música e o folclore galego.
Iniciaron o seu labor no barrio de Gracia (Barcelona), onde os propietarios do Restaurante Sporting cederon gustosos un salón que se fixo pequeno cos anos, xa que a escola creceu considerablemente co tempo.

Logo trasladáronse a un local máis espazoso en Font-Trobada, lugar onde se constituíu no ano 1983 como Asociación Cultural Amigos dá Gaita Toxos e Xestas. Hoxe a escola sitúase no Carrer do Bronze.
Se queres escoitar a conversa con José Luís Foxo en Radio Valdeorras Onda Cero, preme na seguinte ligazón: