martes. 16.04.2024
Manzaneda

A estatua en granito de Ludivina xa loce en Manzaneda

Emotivo acto de homenaxe no IV serán de Seitura no que estivo o seu marido, a neta o alcalde de Manzaneda e o presidente da Real Banda

O monumento na memoria de Ludivina Pérez Ricoi quedou inaugurado na Praza da Igualdade en Manzaneda, na tarde do 31 de xullo . O acto comezou co descubrimento da figura de Ludivina realizada en granito, mentres soaba un dos seus cantares coa súa propia voz. Estiveron  presentes unha morea de veciños, o alcalde de Manzaneda, Amable Rodríguez Basalo, o seu marido, a súa neta María e o director da Real Banda de Gaitas de Ourense; Xosé Lois Foxo, principal impulsor desta homenaxe e da recuperación de cantares únicos de estilo “medieval” como son os cantos de seitura. Segundo Foxo  Ludivina foi unha das persoas anónimas que máis contribuíu á recuperación destes cantares.

Asun Rodríguez Adá foi a encargada de presentar o IV Serán de Seitura que comezou cun cantar da propia Ludivina na que o recollemento fíxose presente. María Rodríguez, neta da homenaxeada tomou o testigo co seu violín, non sen antes pronunciar unhas verbas cheas de sentimento para a súa avoa. Agradeceu a Foxo  a homenaxe e a figura que se acababa de descubrir da súa avoa e falou dela en tempo presente xa que como dixo: «deixou de estar, pero non deixou de ser». «Faime bastante ilusión estar aquí porque cando a buela nos deixou eu era bastante pequena. Teño moitos recordos pero non todos os que me gustaría . Sempre me deu a sensación que non acabei de coñecela de todo e gracias a José Luís e a toda a súa familia, e a súa musica cada vez que interpreto unha peza que cantaba ela ou a escoito cantar dáme a sensación de quer me acerco un pouco máis a como era ela», resaltou María .

Logo da sentida actuación de María tomou o relevo o grupo de acordeóns Airiños da Porta Falsa de Manzaneda, o grupo de gaitas e danzas A Pinguela de Manzaneda, as Cantareiras da Real Banda e destacados informantes do Cancioneiro da Seitura de Manzaneda e Terras de Trives. Consuelo e Clotilde as cantareiras de Placín foron as primeiras en subir ao escenario, logo  Aquilino de Vidueira, Jacinta de Lentelláis non fallou e o coronavirus ou o bichiño como ela dixo foi o seu primei cantar. Fiuca de Trives foi a derradeira en interpretar os cantares, quen neste caso cantou sen as súas dúas compañeiras.

O broche final púxoo a Real Banda de Gaitas da Deputación co Himno do Antergo Reino de Galicia que ergueu a todos os asistentes.

Ludivina Perez Ricoi

Natural de Soutelo de Manzaneda finou en setembro de 2017 aos 86 anos de idade. Segundo o director da Real a recuperación das cantigas logrouse en gran medida grazas a esta muller  xa que  foi a «maior cantora dos cantos de seitura de Galicia». Herdeira dos cantares de seu pai participou na gravación do CD Gran  Rapsodia de Aires Populares de Galicia da Real  Banda de Gaitas, coa que se agasallara o Rey Felipe VI e Leticia na súa voda.

Foi homenaxeada no Certame Celtibérico celebrado na Estación de Montaña de Manzaneda o 1 de agosto de 2009. Ludivina é a protagonista principal do libro Cantar da  Seitura de Manzaneda que garda os cantos na súa memoria.

Noite Celta e Festival Celtibérico

Ás 23.00 horas, a actividade trasládase á Estación de Montaña de Manzaneda coa a  Noite Celta que contará coa actuación de  Bágoas do Toxo; a banda de gaitas O Gumial, de Asturias, e as  Cantareiras dá Real Banda.

Xa o domingo o certame dará comezo ás 11.00 horas da mañá. Desde a organización destacan que todas as actuacións son ao aire libre «e cúmprense todas as medidas necesarias». «Estamos contentos de recuperar este evento», asegura  Foxo, e é que en 2020 non foi posible levar a música á pandemia debido á pandemia da covid.

En primeiro lugar levará a cabo o izado de bandeiras e bendición do campo, para posteriormente celebrarse as actuacións das bandas de gaitas e o concurso de gaiteiros solistas e de bastóns de mando. O acto finalizará cunha ofrenda floral diante do monumento a Gabino García e coa entrega de premios, galardóns que este ano representan aos gaiteiros máis importantes de Galicia e Asturias: Xan Míguez (Gaiteiro de Ventosela), Perfecto Feijoo (Gaiteiro do Lérez), Ramón García (Gaiteiro de  Libardón) e Avelino Cachafeiro (Gaiteiro de Soutelo de Montes).

Video do Serán de Seitura

Vídeo da valoración de José Luis Foxo:

Vídeo da Valoración de Amable García:

Despedida da Real Banda co Antergo Himno de Galicia

A estatua en granito de Ludivina xa loce en Manzaneda