miércoles 25/5/22

A figura de Florencio Delgado Gurriarán viaxará en Renfe

A Xunta e Renfe desenvolverán accións conxuntas encamiñadas a promocionar e fomentar a cultura e a lingua galegas a través dos servizos públicos de Renfe Viaxeiros, así como á promoción do transporte por ferrocarril
A figura de Florencio Delgado Gurriarán viaxará en Renfe

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román González, e o presidente de Renfe, Isaías Táboas, asinaron un acordo de colaboración para homenaxear a Florencio Delgado Gurriarán, autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

Ao abeiro deste acordo, ambas entidades desenvolverán accións conxuntas encamiñadas a promocionar e fomentar a cultura e a lingua galegas a través dos servizos públicos de Renfe Viaxeiros, así como á promoción do transporte por ferrocarril.

Entre elas, exporanse os carteis gañadores do Concurso das Letras Galegas 2022 nos centros educativos de Secundaria. Estas obras poderán contemplarse nos espazos de información ao viaxeiro que Renfe ten asignados nas estacións de ferrocarril.

Así mesmo, a imaxe institucional do Día das Letras Galegas 2022 da Xunta amosarase nos repousacabezas dos trens de Alta Velocidade que prestan servizos AVANT e Media Distancia nos corredores A Coruña-Santiago de Compostela-Ourense e A Coruña-Santiago de Compostela-Vigo.

O representante de Cultura da Xunta de Galicia destacou a importancia de que entidades tan achegadas á cidadanía como é Renfe colaboren na difusión da imaxe do Día das Letras Galegas e, polo tanto, na homenaxe a valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán. Ademais, sinalou o compromiso da empresa ferroviaria coa promoción da lingua galega, tanto no día a día como na conmemoración do 17 de maio, coa que colaboran desde hai anos.

A figura de Florencio Delgado Gurriarán viaxará en Renfe