
Somos Comarca estivo de novo con Antonio Castro Voces, valdeorrés e licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela na especialidade de Xeografía, Historia e Arte de Galicia. Nesta ocasión, Antonio cóntanos outra das súas Historias da Historia, que ten a ver co primeiro centro educativo da comarca, e referente en cultura e educación de Valdeorras.
«Hoxe falamos dun lugar da Comarca, que se encontra a unha determinada altitude, pero antes, como Florencio foi o grande escritor dos nosos ríos, dos nosos vales e da nosa paisaxe, reivindicamos, como todos os meses, un Día das Letras Galegas para el.
Hoxe vamos a ir ao convento de Correxais, para o que nos temos que remontar a comezos do século XVIII, 1720 para ser exactos. Valdeorras nese momento non tiña ningún centro educativo. Os máis próximos eran os Xesuítas, os da Compañía de Xesús, que estaban en Monterrei, en Monforte e en Villafranca del Bierzo. Despois estaban tamén os Franciscanos, que estaban tamén en Villafranca del Bierzo. O Convento dos Trinitario Descalzos que se constrúe en 1720 en Correxais é o primeiro centro educativo que se constrúe na historia en Valdeorras.
Por aquel entón, había división de opinión sobre onde construír o convento. Algúns dicían que o lugar máis adecuado sería O Barco, no que se chamaba o Campo de Marta Guisela, situado onde agora se encontran os centros educativos da localidade. E outros, en cambio, defendían outra localización. O vicario xeral da diocese, Don Torivio Trincado, visita Correxais xunto co abade desa parroquia, vendo as posibilidades que ten esa localidade para a construción do convento. Enseguida llo expoñen, en segredo, ao Bispo e buscan apoios de diversa índole, tanto económicos como institucionais. Tanto o, por aquel entón, correxedor de Valdeorras, don Diego Meruéndano, os Condes de Ribadavia e o señor de Outarelo, pronúncianse a favor de Correxais.
Con todo, no momento no que se fai pública esta elección, levántase un gran tumulto e créanse dous grupos antagónicos e irreconciliables. A favor da construción do convento en Correxais está o Bispo de Astorga, don Crisóstomo Vargas, o vicario xeral, o señor de Outarelo, os condes de Ribadavia e o cura de O Barco. Fronte a este grupo encóntranse aqueles que queren que non sexa ese o lugar no que se constrúa o convento, encabezados fundamentalmente polos curas de Santa Mariña e San Estevo de A Rúa, así como membros destacados da Casa Grande de Viloira. Tamén participan algúns curas da comarca, e parece ser que se producen algúns encontros non pacíficos en canto a esta disxuntiva.
Finalmente, os que avogaban por Correxais conseguiron levar o gato a auga e decídese iniciar a construción no ano 1727, coa correspondente licenza papal, a correspondente licenza xurídica, outorgada polo Conde de Ribadavia e encárgase do seu financiamento o Señor de Outarelo. A administración e xerencia é adxudicada aos Trinitario Descalzos. Así, o día 11 de agosto de 1727 abre as súas portas co primeiro curso académico formado por doce alumnos.
No centro impártese fundamentalmente gramática, filosofía e moral. Funciona durante un tempo ata que, coa chegada da invasión dos franceses, entra en crise, como o resto da comarca e deixa de prestar a función que viña facendo para transformarse no hospital militar que alí se instaurou. Coa desamortización, vive este período de desaparición e véndese por 10.000 reais ao mellor ofertante, pechando así, de maneira definitiva, as súas portas.
Actualmente é propiedade privada, e está nun estado lamentable. Entón, eu creo que sería factible e desexable que as institucións (o concello de Vilamartín, a Deputación Provincial) adquirisen a súa propiedade e intentasen rehabilitalo como un centro cultural para o pobo e para feitos puntuais, xa que foi un referente na historia da cultura e da educación da nosa comarca».