
Aurora Rodríguez, matrona, e Gemma Sánchez-Cabezudo, matrona de atención primaria, ambas do Hospital Público de Valdeorras, ofrecen recomendacións e consellos prácticos sobre a saúde íntima e xinecolóxica para as mulleres, abarcando dende a hixiene diaria ata o coidado durante o embarazo e a planificación familiar.
A Hixiene Íntima e o Respecto pola Flora Vaxinal
Rodríguez explica que a publicidade tende a promover produtos para eliminar olores ou fluxo, cando o esencial é manter un aseo sinxelo —a auga como protagonista— e respectuoso co PH da zona íntima: «Debemos evitar o uso excesivo de xeles e nunca facer duchas vaxinais. Unha limpeza normal, de adiante cara atrás, é suficiente e axuda a previr infeccións comúns, como as urinarias, que son motivo frecuente de consulta». Ademais, advirte que lavarse de maneira excesiva pode causar candidiasis, xa que «os famosos fungos aparecen co exceso de limpeza e a humidade».
Menstruación e Produtos Menos Artificiais
En canto aos produtos de hixiene menstrual, Rodríguez recomenda elixir opcións menos artificiais e que respecten a flora íntima: «As copas menstruais, por exemplo, son unha alternativa ecolóxica e económica, sempre que se saiba usar e se escolla a talla correcta. As compresas e tampóns, mellor canto menos artificiais sexan». Rodríguez alerta sobre os riscos de usar tampóns por máis de oito horas seguidas, xa que pode producirse o síndrome do shock tóxico —o corpo estraño pode quedar dentro, as veces é motivo de consulta—. Tamén sinala a importancia de cambiar os salvaslips frecuentemente, xa que reteñen humidade e poden provocar o desenvolvemento de cándidas.
Revisións xinecolóxicas e Cribado do VPH
Gemma Sánchez-Cabezudo subliña a relevancia das revisións preventivas para detectar o VPH —virus do papiloma humano— e reducir o risco de cancro de colo de útero. A Xunta promove este cribado a través de SMS, un método que aumenta a resposta das mulleres: «Este programa abrangue dende os 35 ata os 65 anos, aínda que calquera muller pode solicitar unha revisión por iniciativa propia». Sánchez-Cabezudo explica que este tipo de cribados e revisións fanse no hospital, a pesar de que as citacións se envíen dende o centro de saúde, co obxectivo de facilitar a asistencia ás pacientes. A maiores, Aurora comenta que existen as citoloxías que se realizan entre os 25 e 35 anos.
Anticoncepción e planificación familiar
Na área de anticoncepción, Rodríguez destaca a necesidade de individualizar os métodos, como o Dispositivo intrauterino (DIU), que require unha revisión inicial aos tres meses da súa colocación e posteriormente cada tres anos. Existen diferentes tipos de DIU, polo que cada caso debe ser tratado de maneira específica segundo as necesidades da muller.
Coordinación e nova ubicación no hospital
Co obxectivo de ofrecer unha atención máis integrada e cómoda para as pacientes, as matronas informan da súa nova ubicación no Hospital Público de Valdeorras, agora máis cerca das consultas de xinecoloxía. «Gemma encárgase das revisións de postparto, cribados e embarazos, mentres que eu levo a planificación familiar, o solo pélvico e a menopausia», explica Aurora Rodríguez. Ambas traballan en estreita colaboración para garantir unha atención completa e personalizada ás pacientes en cada etapa da súa vida.
A través destas declaracións, as matronas do Hospital Público de Valdeorras subliñan a importancia de que as mulleres se coiden, manteñan unha hixiene íntima adecuada e acudan ás revisións periódicas para previr e tratar calquera problema de saúde. «O noso obxectivo é que as mulleres se sintan seguras e informadas en cada decisión sobre a súa saúde», conclúen Rodríguez e Sánchez-Cabezudo, recordando que un coidado respectuoso é o primeiro paso cara a unha boa saúde íntima e xinecolóxica.
Si desexa escoitar a entrevista completa pode facelo aquí: