domingo. 24.09.2023

Dos 1.313 test realizados ós traballadores que empregaron máscara, 28 foron positivos

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras completou onte o primeiro cribado sistemático mediante test rápidos de anticorpos de dobre banda. Estas probas realizadas a 1.313 profesionais desta Área Sanitaria que empregaron as máscaras defectuosas enviadas polo Ministerio de Sanidade, arroxaron os seguintes resultados: 28 casos positivos asíntomáticos (2.13%) ;  22 presentaban anticorpos  compatibles cunha infección superada (1,67%), ; e 1.263 resultaron negativos (96,19%).

As 28 persoas que deron positivo no test rápido foron valoradas por Medicina Preventiva e Saúde Laboral e indicóuselles o illamento domiciliario baixo seguimento por TELEA —plataforma de teleseguemento a domicilio, que está a ser empregada masivamente en Ourense para o control dos pacientes Covid na casa—. Presentaron patróns IgM+/IgG-, ou IgM+/IgG+, é dicir positivos asintomáticos.



Un total de 22 profesionais presentaba patrón IgM-/IgG+, que desvela que xa pasaran a enfermidade, aínda que non tiveran síntomas. Unha porcentaxe lonxe das cifras publicadas, en diferentes estudos, que estiman que estes casos poderían darse nun 15% da poboación.

Para maior seguridade, nas vindeiras horas e días, previa citación, continuarase realizando tests ós profesionais potenciais usuarios destas máscaras que non puideron acudir onte a facer as probas.

Ademais, de xeito secuencial e ordenado, continuaranse realizando estas probas aos profesionais das unidades e servizos con maior exposición  e con maior vulnerabilidade dos pacientes atendidos, en aplicación do protocolo en vigor para todo o Servizo Galego de Saúde.



O varrido xeralizado da situación inmunitaria realizouse usando o test de anticorpos de dobre banda. Test rápido adquirido polo SERGAS e cuxo protocolo de uso está dispoñible na intranet, cunha indicación de efectividade superior ao 98% e que permite coñecer tanto unha infección activa como superada.

Retirada de máscaras defectuosas

A distribución dos equipos defectuosos fíxose de xeito centralizado por parte do Ministerio de Sanidade ás distintas Comunidades Autónomas, quen á súa vez, as distribuíron aos distintos centros sanitarios. No caso da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, o número de máscaras recibidas foi de 3.800, das cales foron retiradas e substituídas un total de 2.457. Non se puideron recuperar 1.343 máscaras o que motivou está actuación preventiva sistemática, a primeira que se completa a nivel estatal nunha área sanitaria.



Urxencias, PACs, UCI, plantas Covid e residencias integradas, tanto a persoal habitual como eventual, ou de pool, ademais do das distintas empresas de servizos, como limpeza, ambulancias, de residencias integradas, etc. son as que puideron empregar nos pasados días as máscaras, xa que o devandito modelo convive con outros dos dispoñibles na actualidade, de diferentes marcas e fabricantes.

Segundo o informe técnico do Ministerio de Trabajo —do que depende o Centro Nacional de Medios de Protección— facilitado polo Ministerio de Sanidad, dedúcese que as mascarillas defectuosas terían unha redución da súa capacidade de filtrado de entre un 18 e un 29% con respecto ó que indica o seu marcado (do 95%).



«Desde a dirección da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras desexase trasladar a mensaxe de agradecemento a todo o persoal, pola colaboración que permitíu completar un proceso da complexidade e amplitude do realizado onte e, moi especialmente, desexarlle un pronto restablecemento as e os profesionais contaxiados, ademais de transmitirlles e seu fondo agradecemento a todos pola gran labor que están a realizar estes días fronte a pandemia» expresan.

Si queres ver o vídeo que proporcionou o Sergas sobre a realización dos tests rápidos, fai click na seguinte ligazón:

https://www.facebook.com/ComSergasOU/videos/2515802975303060/?t=3

Negativos o 96,1 % dos test rápidos realizados ós profesionais da Área Sanitaria