
O Hospital Público de Valdeorras conta dende agora cun equipo endoscópico de última xeración, co investimento de 4,8 millóns de euros realizado pola Xunta de Galicia para toda a área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. Esta tecnoloxía avanzada, que tamén se instalou nos hospitais de Ourense e Verín, mellorará o diagnóstico de enfermidades dixestivas e a precisión. Ademais os tempos das probas serán máis pequenos.
Durante a visita ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado polo xerente da área sanitaria, Santiago Camba, aseguraron que este equipamento inclúe monitores de alta definición 4K, sistemas de intelixencia artificial e a innovadora tecnoloxía iScan, que permite unha detección máis precisa de lesións e favorece o diagnóstico precoz.
Beneficios para pacientes e profesionais
Os novos equipos, ademais de ofrecer imaxes de alta calidade, están equipados con monitores LED que reducen o consumo enerxético, reforzando o compromiso ambiental do Servizo Galego de Saúde. Para os profesionais sanitarios, a nova tecnoloxía proporciona maior control e ergonomía, mellorando as condicións de traballo durante as intervencións.
O conselleiro remarcou que, anualmente, as unidades de probas diagnósticas de dixestivo da área sanitaria realizan máis de 15.000 exploracións, entre elas preto de 9.000 colonoscopias e 5.000 gastroscopias. Con esta nova dotación, espérase ampliar as posibilidades diagnósticas e ofrecer unha atención máis áxil e eficiente á poboación.