
Estamos ás portas de comezar o verán, unha época na que as caries poden aparecer con maior asiduidade nos máis pequenos da casa. Con motivo disto, falamos con Yolanda Fernández, hixienista bucodental do Barco e da Rúa. Quen destaca o aumento de caries en nenos a partir de catro anos.
Un dos principais motivos de unha peor saúde bucodental é a falta de rutina. Remata o colexio, comezan as horas no parque é na piscina, unha situación que acaba incitando a comer máis xeado, caramelos ou bocadillos con pan e molde.
Para intentar evitar que nesta nova etapa os dentes se vexan moi danados, Fernández proporciona uns consellos —moi fáciles e eficaces—, para intentar fuxir das caries.
Unha das cousas primordiais a ter en conta é unha boa técnica de cepillado. «Debe ser de polo menos dous minutos despois de todas as comidas», aínda que a hixienista subliña que no caso de non ter tempo «sería sen pasta, utilizar solo cepillo e auga».
A alimentación, como non pode ser de outra maneira, tamén é moi importante para previr unha mala saúde bucodental. Yolanda ofrece algúns consellos que se poden ter en conta «comer bocadillos de pan de panadería, comer froita e beber moita auga». E como estamos en época de calor, sempre se pode ter ganas dun xeado, «pero debemos tomar auga despois ou comelo cando nos vaiamos para casa e así lavar os dentes».
Períodos de revisión
O habitual é cada seis meses, pero co aumento de caries nos máis pequenos, Yolanda tomou a decisión de que acudan «cada tres ou catro meses. É moi importante que veñan a repasar a técnica de cepillado».
Con motivo deste incremento de mala saúde bucodental, a hixienista pretende que no próximo curso académico poda ir «polos colexios a dicirlles a importancia da merenda que se manda o colexio». En moitas ocasións, como os nenos non almorzan ben, «mándaselle moitas galletas e zumes, pero sería bo que se tirara de froita ou bocadillos de pan».
O mal alento, outra preocupación deste verán
«Eu sempre lle digo aos nenos: "Comedes en prato limpo ou en prato sucio?"», exemplifica Yolanda Fernández. A resposta que recibe é unánime, todos queren comer nun prato limpo. Con esta metáfora, a hixienista aproveita para explicarlles a importancia de lavar ben os dentes, xa que «quedan bacterias e anacos de comida». Isto favorece a ter un mal alento.
As bebidas enerxéticas
Unha das preocupacións que están tomando máis forza é o consumo das bebidas enerxéticas. Mediante unhas enquisas que están a facer polos colexios, puideron observar que «os nenos de 10 anos xa as teñen probado», comenta Yolanda. Ao que engade: «Hai que ter sentido porque isto é unha bomba de azucre e cafeína».