jueves. 29.05.2025

Case 40 persoas perderon un familiar por suicidio en Ourense no ano 2022

Hoxe 10 de setembro é o Día Internacional para a Prevención deste tipo de morte. María Tajes é a Xefa da Unidade de Psiquiatría do Hospital de Ourense (CHUO) e explicou cal é a materia «pendente dos servizos sanitarios»
mariatajes_suicidio_psiquiatria
María Tajes, xefa do Servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. Foto cedida.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) define o suicidio como "un acto deliberadamente iniciado e realizado por unha persoa en pleno coñecemento ou expectativa do seu desenlace fatal". Hoxe 10 de setembro conmemórase, dende o ano 2003, o Día Internacional para a Prevención do Suicidio

No ano 2022 —último periodo do que hai datos— un total de 38 familias perderon un ser querido en Ourense por esta causa; en Galicia foron 340 persoas as que remataron coa súa vida. Para afondar nesta lacra social e sanitaria, falamos coa Xefa do Servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, María Tajes. 

SOMOS COMARCA: Para que serven os días como o de hoxe?

MARÍA TAJES: Teñen que servir como sensibilización cidadá. O suicidio é moito máis común do que nos parece e debido ao estigma que houbo non tivo o recoñecemento suficiente o sufrimento que provoca. 

SC: Como traballades dende o Servizo para atender a estas persoas?

MT: Temos postas en marcha diferentes estratexias; como un programa de prevención intensiva para as persoas que acoden aos servizos de urxencia cunha tentativa e están en risco de morte por suicidio. Ofrecemos unha atención rápida e multidisciplinar para evitar unha recorrencia e diminuír o risco que unha persoa ten cando xa o tentou nunha ocasión. 

SC: É certo que están aumentando as mortes por suicidio?

MT: O que estamos vendo é que non somos quen de reducir o número de falecementos, a taxa. Non conseguimos establecer estratexias eficaces de prevención, é un problema complexo e multidisciplinar. Non só no sistema sanitario senón tamén noutros ámbitos.

Non vemos un aumento dos falecementos, pero sí un incremento dun 20% en persoas que acoden a urxencias por tentativas de suicidio. Ademais tamén rexistramos un aumento das tentativas na poboación menor de 18 anos, e segue incrementándose. 

SC: As persoas que acoden a Urxencias o fan polo seu pé? Ou son familiares?

MT: Na meirande parte dos casos son os familiares os que demandan esa atención, ou tamén no eido do sistema educativo. Notan cambios no comportamento ou autolesións. Aí hai un protocolo establecido entre as dúas consellerías dende o ano 2022 para unha canle de atención rápida —o ano pasado atendimos a máis de 20 rapaces no noso hospital— en casos graves que deben ser atendidos por psicoloxía. 

SC: Existe o efecto chamada nos suicidios?

MT: O que temos é que falar dende unha perspectiva onde a xente que nos escoita entenda que o suicidio pode previrse e que hai tratamentos eficaces. Tamén dar información das liñas de axuda como o teléfono 024 e evitar dar noticias sensacionalistas que en determinados grupos, os máis novos, poden chegar con ese efecto chamada. Se informamos con rigor da problemática sería todo o contrario. 

SC: Que papel teñen as familias que sufren esta perda?

MT: É unha materia pendente na meirande parte dos servizos sanitarios. Tamén é un esforzo dende a consellería, queremos unirnos, para detectar dun xeito efectivo e precoz a todos estes familiares. Non sempre coñecemos nun periodo breve aos familiares que teñen perdido a alguén por suicidio. O básico é acompañar nunha dor que pode ser especialmente complexa. 

«A súa situación é a desesperanza»

SC: As persoas que falecen por suicidio sempre teñen algunha enfermidade mental?

MT: Non, a situación das persoas que queren rematar coa súa vida é a de desesperanza, non ver saída, sentirse sós. A soidade non desexada é un dos factores que ten que alertarnos de que alguén poida buscar nesta conducta un desafogo a esta dor. Tamén vemos persoas nas que o suicidio é unha conducta secundaria: por exemplo nunha depresión, trastorno bipolar ou psicose.

É certo tamén que hai persoas que falecen por suicidio sen ter ningunha destas circunstancias, por exemplo, cunha adicción. 

SC: Que debemos facer se temos unha situación como esta na nosa contorna?

Nunca deixar só a alguén que viva con isto, ás veces soamente estar aínda que non se dean conta ou acompañar aos servizos sanitarios. É unha morte moi traumática e hai que axudar neses primeiros momentos para enfrontar a perda e sobre todo desculpabilizar. Ás veces é tan impredecible que tamén é inexplicable, e poden sentir que puideron ter feito algo máis. Pero hai que desculpabilizar. 

A conversa completa coa doutora María Tajes está dispoñible neste enlace de audio

Case 40 persoas perderon un familiar por suicidio en Ourense no ano 2022