
Foi informado das conversas do Ministerio de Traballo con Alemaña para recoñecer as titulacións universitarias e de formación profesional co país xermano
O Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social informou a Miguel Bautista, responsable de emigración do PSdG-PSOE e exalcalde de Petín, de que se mellorará a información ós emigrantes que residen en Alemaña.
Isto sucede despois de que o exrexedor valdeorrés fixese un informe respecto da situación da emigración galega en Alemaña. Para a súa elaboración baseouse nunha visita que o secretario provincial de emigración do PSOE en Ourense, Luís Gulín, fixera en 2018.
Ante o Convenio Bilateral sobre dobre imposición entre Alemaña e España, que permite ao país xermano reter un 5 por cento da pensión, as consellerías sociolaborais dos consulados en Alemaña elaboraron follas informativas que foron remitidas ás asociacións e entidades de emigrantes para a súa difusión e tamén se mellorou a información na propia páxina web.
Respecto das súas repercusións na declaración da renda en España, o Ministerio de Traballo recoñece a dificultade da Axencia Tributaria de realizar un desconto automático na tributación do IRPF. Por esa razón informa o secretario de Emigración do PSdG, Miguel Bautista, que se realicen xestións ante a AEAT para que arbitre un sistema centralizado e do que se poida informar aos afectados para que non se produza unha dobre imposición.
Miguel Bautista tamén recibiu a noticia que a emigrantes da área da cidade de Hannover volven recibir asesoramento sociolaboral cunha persoa que despraza desde o consulado de Düsseldorf o segundo martes de cada mes. Outra das actuacións do Ministerio de Traballo é a rolda de contactos coas autoridades alemáns para mellorar e acelerar o recoñecemento de titulacións universitarias e de formación profesional para unha mellor inserción sociolaboral no mercado de traballo alemán.