
A provincia de Ourense consolidouse como líder en Galicia en organización e compromiso voluntario no ámbito das emerxencias. Así o subliñou hoxe o presidente da Deputación, Luis Menor, durante a inauguración da xornada de convivencia de agrupacións de voluntarios de Protección Civil, celebrada en Verín, e que reuniu a preto de 400 participantes de 60 agrupacións de toda a comunidade, entre as que se atopaban voluntarios da comarca de Valdeorras, Terras de Trives e tamén da zona de Viana.
«Ourense é a provincia que máis agrupacións de Protección Civil ten en toda Galicia, con 75 en total e 1.231 voluntarios e voluntarias activos, un exemplo de compromiso cívico e entrega altruísta», afirmou Menor, quen participou no acto xunto ao alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e ao director xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia, Santiago Villanueva.