lunes. 30.06.2025

A calor dá unha tregua a partir do mércores, pero hoxe aínda poderían caer treboadas

A vaga de calor mantén as máximas por riba dos 38 graos en Valdeorras, con risco sanitario en niveis 1 e 2 e recomendacións activas para a poboación máis vulnerable
somoscomarca_ruaeulogiofernandez_sol (1)

Aínda que hoxe o día amenceu caloroso e con ceo despexado, poderían rexistrarse treboadas ao final da xornada, igual que onte. A situación é inestable e os chubascos serán moi localizados, polo que podería chover nun punto e, uns metros máis aló, nada. En calquera caso, as temperaturas máximas hoxe superarán os 38 graos en moitas zonas da comarca, con pouco vento.

Para mañá martes espérase un día moi semellante, seco e soleado, con mínimas de 19 graos e máximas que de novo se achegarán aos 38º. Non será ata o mércores cando chegue un alivio térmico, con máximas que baixarán aos 32 graos. E de cara ao xoves, non se descarta algún chubasco ocasional pola tarde, aínda que sempre moi puntual.

Debido a esta situación, a Xunta de Galicia vén de rebaixar a alerta por calor aos niveis 1 e 2, despois de que onte se alcanzase o nivel 3 nalgunhas áreas. No nivel 2 quedan o noroeste de Ourense, o interior de Pontevedra e zonas do centro e montaña de Lugo. Mentres que Valdeorras, o sur de Ourense e a montaña quedan no nivel 1.

A Consellería de Sanidade lembra a importancia de seguir as recomendacións para evitar problemas de saúde, sobre todo entre os colectivos máis vulnerables: persoas maiores, nenos pequenos, persoas con enfermidades crónicas ou que traballan ao aire libre.

Entre os consellos máis importantes: hidratarse aínda que non se teña sede, evitar o sol nas horas centrais, vestir con roupa lixeira e clara, e manter as casas frescas e ventiladas.

Ante calquera síntoma de esgotamento ou golpe de calor, chama ao 061 e traslada á persoa a un lugar fresco mentres chega a asistencia.

Toda a información está dispoñible en www.meteogalicia.gal e airesaude.sergas.gal.

A calor dá unha tregua a partir do mércores, pero hoxe aínda poderían caer treboadas