miércoles. 17.06.2026

O Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán presenta ao xurado da súa sétima edición

O prazo para presentar obras remata o 23 de xuño e o certame incorporará este ano un segundo e un terceiro premio
somoscomarca_florenciodelgadogurriaran_jurado

A Fundación Florencio Delgado Gurriarán deu a coñecer os nomes das persoas que integrarán o xurado da sétima edición do Premio de Poesía que leva o nome do escritor valdeorrés. O anuncio chega cando entra na súa recta final o prazo de presentación de obras, que permanecerá aberto ata o próximo 23 de xuño ás 23.59 horas.

O certame incorpora este ano unha novidade importante coa creación dun segundo e dun terceiro premio. Deste xeito, ademais do primeiro galardón, dotado con 3.000 euros, entregaranse tamén un segundo premio de 500 euros e un terceiro de 300 euros. Os tres recoñecementos distinguirán poemas inéditos escritos en galego e cunha extensión máxima de 50 versos.

O xurado estará integrado por persoas vinculadas á literatura, á música e ás artes escénicas. Formarán parte del o poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello, gañador da edición de 2025; a poeta Lúa Mosquetera; a escritora, dramaturga e actriz valdeorresa Fátima Delgado; o escritor e tradutor Raúl Gómez Pato; e a música e creadora escénica Sara Faro, integrante do grupo Fillas de Cassandra.

Seguindo a tradición do certame, Miguel Anxo Fernán Vello incorpórase ao xurado tras resultar gañador da pasada edición co poema A porta da casa que se abre. Tamén repite experiencia vinculada ao premio Raúl Gómez Pato, que xa conseguira o primeiro posto na convocatoria de 2019 co poema Vinte, desolación.

Unha vez pechado o prazo de presentación de traballos, o xurado dedicará os meses de xullo e agosto á lectura e valoración das obras participantes. Posteriormente daranse a coñecer os tres poemas finalistas.

A entrega dos premios celebrarase o 19 de setembro no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, nunha gala que volverá reunir participantes, organización e público arredor dun certame que cada ano busca promover a creación poética en lingua galega e manter viva a figura e o legado de Florencio Delgado Gurriarán.

O Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán presenta ao xurado da súa sétima edición