
A voceira nacional do Bloque Nacionalista Galego visitou nesta xornada de xoves 12 de setembro parte da comarca de Valdeorras. Por unha banda, mantivo un encontro no Barco onde «as nais e pais preocupados puideron trasladarme a súa preocupación pola xubilación do pediatra que está actualmente en activo no centro de saúde», explicaba Pontón para Radio Valdeorras.
«Eu son nai dunha nena de catro anos e sei canto importa ter un servizo de pediatría de seguimento que coñeza aos teus fillos». Un asunto que chegou ao pleno do Barco no mes de xuño coa entrega de sinaturas recollidas por un grupo de nais preocupadas pola problemática. «Vemos que se está desmantelando este servizo, que non só é do Barco, senón de toda a comarca. É moi grave».
Informaba hoxe a nacionalista de que, dende o seu partido, van levar ao Parlamento «diferentes iniciativas para que o Partido Popular busque unha solución inmediata e garanta a cobertura de todas as prazas. Queremos recordarlle que os nenos e nenas do rural non son de segunda».
«Na Rúa hai un goberno que está poñendo a funcionar o concello»
A segunda parada da voceira do BNG na comarca foi na Rúa, onde visitou as instalacións da empresa Autoneum e o albergue de peregrinos. Todo acompañada coa alcaldesa, María González Albert.

«Quixemos saber cales son as necesidades da Rúa, onde hai un equipo de goberno que está poñendo a funcionar o concello e ten preocupación de que facer para que a vila avance», apuntaba Pontón antes de achegarse até a vila ruesa. «Ademais queremos coñecer ás empresas máis grandes para potenciar o desenvolvemento económico».
Pode escoitar a conversa con Ana Pontón neste enlace de audio: