viernes. 30.05.2025

«Non esperabamos menos, pero pedimos todo o contrario»

As nais que impulsaron a moción conxunta que asinou o PSOE, PP e BNG en favor da cobertura das prazas de pediatría no Barco lamentan que «se convertera nunha cuestión de partido no Parlamento»
somoscomarca_240614_obarco_concentracion_pediatras362
«Non esperabamos menos, pero pedimos todo o contrario».

O pasado mes de xuño un grupo de nais e pais presentaba no pleno do Barco unha proposta de moción conxunta para «urxir á Xunta a que se poida cubrir a praza de pediatría que está baleira, e ante a inminente xubilación do profesional actual». Un escrito que foi asinado polos tres partidos políticos con representación no municipio —PSOE, PP e BNG—.

Entre as peticións contempladas na devandita moción estaba «non usar esta causa como arma política». Algo que non sucedeu no Parlamento Galego. «Lamentamos que se teña convertido nun debate e nunha cuestión de partido. Non esperabamos menos, pero pedíamos todo o contrario», expresaba Aurora Rodríguez, unha das nais impulsoras da moción. 

Xa no pleno ordinario do Barco deste mes de xullo era o BNG quen reclamaba ao Partido Popular «máis presión, tedes liña directa con esta entidade e podedes conseguir algo máis» e lamentaba que fora o PSOE quen liderara esta moción no Parlamento autonómico, «cando o que se acordou neste municipio foi facelo dun xeito conxunto».

Onte, na sesión plenaria do Parlamento Galego foi o Partido Socialista —en concreto, a súa parlamentaria Carmen Rodríguez Dacosta— quen interpelaba á Xunta directamente cunha pregunta. «Como valora o Goberno galego a situación denunciada polos pais e nais afectados pola falta de pediatras no Centro de Saúde do Barco de Valdeorras?».

Carmen Rodríguez Dacosta 100724 01
Carmen Rodríguez Dacosta, parlamentaria do PSOE, na sesión do 10 de xullo de 2024.

Nese senso dirixíanse os socialistas directamente ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, para que «garanta o servizo de Pediatría no Barco de Valdeorras, logo da xubilación do único médico que queda atendendo aos pequenos, prevista para este outono».

20240710_PlenoSanidade Pediatria Valdeorras
Conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na sesión do 10 de xullo de 2024.

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade respondía á alegación dos socialistas asegurando que «a asistencia pediátrica no centro de saúde do Barco de Valdeorras está plenamente garantida». Ofrecía o dato ademais de que «a demora para conseguir cita é de cero días en ambos os dous cupos pediátricos do Barco de Valdeorras». 

Gómez Caamaño indicou que o centro de saúde «desta localidade ourensá conta cunha dotación de dous pediatras e, aínda que actualmente unha das prazas está vacante, o Servizo Galego de Saúde agarda adxudicar a segunda delas nunha nova volta do concurso de prazas de difícil cobertura impulsado pola Xunta».

As nais e pais afectados están agardando aínda a resposta do xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. 

«Non esperabamos menos, pero pedimos todo o contrario»